Corunna Live!!!

viernes, 6 de junio de 2025

Noite Branca no Obelisco: compras, rebaixas e troula no corazón da cidade

🕛 Do mediodía ata as doce da noite, o corazón da cidade —ese que bombea entre os Cantóns, o Obelisco e a rúa Santo André— vivirá outra edición da Noite Branca, xa toda unha cita fixada a lume no calendario das festas rabuñentas e do comercio con alma.

Un total de 95 negocios saen á rúa coas súas mellores galas, con descontos especiais, música en directo, barras para refrescar o bandullo, xogos infantís, e moita, moita vida.

Inés Rey nos Xardíns de Méndez Núñez dando comenzo a celebración comercial do Obelisco 

A encargada de dar o pistoletazo de saída foi a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, dende os Xardíns de Méndez Núñez, arroupada por representantes institucionais, empresariais e sociais. A rexedora destacou que os Cantóns e a contorna do Obelisco son o “corazón simbólico e funcional da cidade”, e que a súa conexión coa rúa Santo André “conforma un sendeiro urbano de identidade, tradición e modernidade”, que se está a recuperar cunha aposta decidida pola humanización das rúas: máis peonil, máis accesible, máis sostible.

A Noite Branca é un exemplo da cultura de vivir que define A Coruña”, proclamou Rey, facendo un chamamento a usar o espazo público para dinamizar a economía e reforzar o tecido comercial da cidade.

Este ano, a programación abrangue todo o día con propostas culturais, gastronómicas e comerciais. Participan máis dun cento de establecementos, que saen á festa con actuacións, promocións especiais e ganas de rachar co aburrimento.

💬 Dende o escaparate da vida real, Goretti e Carolina, da tenda de moda infantil Luna Lunera, resumíano ben:

«Temos un 10 % de desconto. Pechamos ás nove que os peques teñen que ir durmir, pero agardamos que a xente veña mercar ao centro, que estamos un pouco esquecidos...».
E engaden:
«Cando fai bo tempo ou veñen cruceiros, nótase. Pero senón... pouca cousa».

Tamén houbo palabras de recoñecemento para a nova presidenta da Asociación Zona Comercial Obelisco, Carolina Carrillo, para as entidades colaboradoras e para Rosa Mena, xerente da entidade organizadora. A cita contou tamén coa presenza da concelleira Diana Cabanas, de Carmen Blach (West Galicia), Miguel Agromayor (Federación Galega de Comercio) e Pedro López, por parte de Estrella Galicia.

💜 Un dos momentos máis emotivos foi a mención á Asociación West Galicia, que traballa con familias afectadas por enfermidades raras e epilepsia. A alcaldesa puxo en valor o seu labor de visibilización, recordando que “a cidade é de todas e todos, e que a inclusión debe estar presente en cada iniciativa cidadá”.

E para quen queira festa rabuñenta, haberá música ao vivo, petiscos na rúa, e un punto informativo da Asociación Galega de Familias de Acollida, para que tamén haxa espazo para a solidariedade.

Así que xa sabes: non digas que non hai plan, porque esta noite o centro vístese de gala e de barrio, e se non vés, pérdelo todo: o desconto, a festa... e ata o sorriso da carniceira do día seguinte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???