Corunna Live!!!

domingo, 8 de marzo de 2026

Ista semán lémbraronse dúas noites eternas do deportivismo: o Centenariazo e a remontada ao PSG

 O calendario ten ás veces datas que para un club son moito máis ca números. Son recordos compartidos, noites que pasan á historia e que acaban formando parte da identidade dunha cidade. Para o deportivismo, os primeiros días de marzo traen sempre esa sensación de viaxar no tempo.

Porque nestas datas coinciden dúas das grandes fazañas do Real Club Deportivo de La Coruña: os 24 anos do Centenariazo e os 25 da remontada europea ante o PSG en Riazor. Dúas noites distintas, separadas por un ano, pero unidas por unha mesma idea: o Dépor capaz de desafiar a xigantes e sorprender ao mundo.



O Centenariazo: a noite na que Koruña gañou en Madrid

O 6 de marzo de 2002 o Deportivo escribiu unha das páxinas máis memorables do fútbol español. No Estadio Santiago Bernabéu, en plena celebración do centenario do Real Madrid CF, o equipo coruñés levantou a Copa del Rey tras gañar 1-2 nun partido que pasou á historia como o Centenariazo.

Para o Madrid aquela final era a culminación dunha festa preparada durante meses. Xogaban na casa, no aniversario número cen do club e cun equipo cheo de estrelas. Pero o Deportivo de Javier Irureta chegou ao Bernabéu con outra idea. No palco Florentino Pérez, Jose María Aznar, Juan Carlos I e moitos convidados famosos mais para ceebrar o Centenario do Madrid. 

E deixouna clara moi pronto.

No minuto 6, Sergio González abriu o marcador tras unha acción na área que silenciou o estadio. O golpe inicial cambiou o partido. O Dépor, seguro de si mesmo, empezou a controlar o ritmo ante un rival que non esperaba ese escenario.

Antes do descanso chegou o segundo mazazo. No minuto 38, Diego Tristán puxo o 0-2. A grada branca non daba crédito; os "galácticos" parecían figuriñas de cristal ante o despregue físico de Mauro Silva e a elegancia de Valerón.

O Bernabéu quedaba atónito e o Deportivo marchaba ao vestiario con media Copa no peto.

Na segunda parte o Madrid reaccionou. Raúl González recortou distancias no minuto 58 e o tramo final converteuse nun exercicio de resistencia. O Dépor defendeu con orde, carácter e a seguridade dun equipo que sabía que estaba ante unha noite histórica.

Cando chegou o asubío final, o Deportivo conquistaba a súa segunda Copa do Rei nun escenario que quedaría gravado para sempre na memoria do fútbol.

Aquel equipo —con José Francisco Molina, Manuel Pablo García, Noureddine Naybet, Mauro Silva, Juan Carlos Valerón ou Fran González— consolidaba a súa lenda.

Foi “a copa que cen anos dura”, como acabou bautizándoa o deportivismo.

Celebración no campo da Copa gañada no Bernabeu. 

Fran, capitán daquela plantilla, lembraría anos despois unha das imaxes máis simbólicas da noite: recibir o trofeo vendo unha metade do estadio chea de deportivistas celebrando e a outra completamente baleira.


Irureta tamén deixou unha frase que resume a mentalidade daquel equipo:

“Eles pediron o estadio e están confiados, pero nós non estamos aquí de convidados.”

Tras o pitido final e o "cumpleaños feliz" irónico da grada coruñesa, o equipo celebrou o título nun restaurante que o propio Real Madrid reservara para a súa festa. "Ademais de gañarlles no campo, comémoslles a cea", lembra Irureta con esa sorrisa de quen sabe que fixo historia.

Eran outros tempos para o Deportivo, un equipo que tiña forza para competir contra os grandes como demostrara no 2000 gañando a Liga e no 2002 co Centenariazo. 


A remontada ao PSG: a noite que Riazor asombrou a Europa

Se o Centenariazo foi unha final perfecta, a remontada ante o Paris Saint-Germain é unha das grandes historias épicas do fútbol europeo.

O 7 de marzo de 2001, no Estadio de Riazor, o Deportivo protagonizou unha das reaccións máis espectaculares da historia da UEFA Champions League.

O contexto era peculiar. O equipo xogaba a segunda fase de grupos da Champions e necesitaba gañar para manter intactas as opcións de chegar aos cuartos de final. Pero a noite comezou do peor xeito posible.

Primeiro marcou Jay-Jay Okocha para os franceses. Logo chegou o festival de Laurent Leroy, que anotou dous goles máis.

En pouco máis dunha hora, o marcador dicía 0-3.

Riazor quedou en silencio. A eliminatoria parecía sentenciada.

Pero entón chegou o vendaval.

Irureta fixo cambios e o partido deu un xiro radical. O técnico introduciu no campo a Walter Pandiani, mentres Djalminha asumía o mando creativo do equipo.

O que aconteceu despois entrou directamente na historia do club.

Entón, Irureta fixo algo que hoxe parecería unha loucura: xuntou á cabalería con Makaay, Tristán e Pandiani. O "Rifle" Pandiani, que chegou como un meritorio, consagrouse aquela noite:

Minuto 57: Pandiani de cabeza (1-3).

Minuto 60: Tristán de cabeza (2-3).

Minuto 76: Pandiani de novo (3-3).

Minuto 84: a tolemia. Pandiani firma o seu hat-trick de testarazos tras un centro dun Djalminha que esa noite decidiu que o balón era seu.

"Xa pasaron 25 anos?", asómbrase Walter Pandiani dende a distancia. As súas bágoas ao final do partido son o resumo dunha era onde o Dépor non temía a ninguén.

Pandiani marcou tres goles. Tristán, nada máis entrar, anotou outro. Todos de cabeza. Nunha avalancha futbolística que en poucos minutos transformou o desastre nunha remontada imposible.

O Deportivo gañaba 4-3.

Djalminha repartía asistencias coma un director de orquestra e Manuel Pablo repetía carreiras pola banda dereita sen descanso. O equipo rematou vinte veces a portería e lanzou máis de cincuenta balóns á área.

Pandiani, que chegara ao club como unha aposta modesta, acabou chorando sobre o céspede tras completar o seu hat-trick.

Europa entera tomou nota daquela noite.

A vitoria permitiu ao Deportivo seguir vivo na competición e acabou clasificándose para os cuartos de final tras empatar en San Siro contra o Milan. A aventura europea continuaría ata caer ante o Leeds United.

Pero aquela remontada quedou para sempre como unha das noites máis emocionantes vividas en Riazor.


Dúas historias que explican unha época

O Centenariazo e a remontada ao PSG non foron só dous partidos memorables. Foron o reflexo dunha época dourada na historia do Deportivo.

Un equipo construído durante a presidencia de Augusto César Lendoiro que competía sen complexos contra os mellores clubs de Europa.

Un equipo que, como lembran moitos dos seus protagonistas, tiña unha mentalidade moi clara: non sentirse inferior a ninguén.

E quizais por iso estas dúas noites seguen tan presentes na memoria do deportivismo.

Porque o Centenariazo demostrou que o Dépor podía gañar outra vez unha final histórica no Bernabéu e ante o dono do estadio. E a remontada ao PSG confirmou que en Riazor todo era posible.

Dous partidos separados por un ano. Pero unidos por algo máis importante: a certeza de que, cando aquel Deportivo entraba no campo, o imposible sempre estaba un pouco máis preto. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???