Xa cheira a polbo e a churrasco no barrio, e iso só pode significar unha cousa: a Romaría dos Castros está á volta da esquina. Este 17, 18 e 19 de xullo, o Parque de San Diego volverá ser o corazón da festa coruñesa, deses encontros que fan barrio, que fan familia, e que deixan o corpo moído e o corazón quente.
A inauguración do xoves vén forte: pregón con Mercedes Conchado Aradas, directora da biblioteca do Fórum —unha desas veciñas que fan cousa boa e ben feita—, foliada con Donaire e, para poñer o broche, a forza telúrica e celebrativa de Mercedes Peón, que ás 22:00h vai facer que ata os bancos do parque bailen soa.
O venres a troula segue cun pasarrúas de Gaiteiros de Cántigas, que espallarán a música polas rúas como se fosen flores en primavera. Logo, vermú e xantar popular ás 13:30h con gaitas e o coro Coitelo de Pau, porque aquí se come e se canta ao mesmo tempo. A tarde vén cargadiña: xogos tradicionais dende as 16:00h, foliada de novo ás 21:00h, pandeireteiras de Bouba ás 21:30h e os incombustibles Os Carunchos ás 22:40h. E cando pensabas que xa non quedaban forzas... entra Señora DJ ás 00:00h para darlle á noite un punto moderno e macarra. Que ninguén se vaia para casa sen pechar a festa coma se merece.
O sábado, último día, comeza suave pero fondamente galego: alborada con Son D’Aquí ás 11:00h, desas que fan que o polbo de logo entre mellor. Ás 13:00h, sesión vermú con José Brea e Miguelón, e máis xantar popular con churrasco e polbo, porque, sinceramente, ¿que sería dunha festa en Koruña sen ese cheiro glorioso a brasa e mar? E ás 17:00h, El Corta baixa o pano, despedindo a festa cun directo cheo de enerxía e sabor.
Así que xa sabedes, rabuñentos e rabuñentas, ides marcando no calendario estas datas: 17, 18 e 19 de xullo. Porque a festa non se conta, vívese. E en Os Castros, vívese con zocos, con pandeireta, con viño branco, cunha ración de churrasco e cun sorriso que dura ata setembro.
¡Veña festa, veña irmandade, veña Koruña da boa!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???