Raboñudos

Bienvenidos raboñudos del mundo entero a este blog!!!

jueves, 5 de junio de 2025

O Agra móvese coa FoliAgra: tres semanas de música, festa e tradición

Chega un ano máis a FoliAgra, a festa máis rabuñeira do barrio do Agra do Orzán, esa que transforma as rúas en escenario e aos veciños en protagonistas. Desde o sábado 7 de xuño ata o domingo 29 de xuño, a cultura tradicional galega tomará o barrio con música, bailes, pasarrúas, concertos e moita vida na rúa. O Agra xa comeza a mover as cadeiras, que volve a FoliAgra e aquí ninguén queda sen pandeireta.


A cousa vén organizada con agarimo polos propios veciños e veciñas do barrio, coa colaboración do Concello da Coruña, e cunha idea clara: reivindicar a nosa cultura de sempre, a que se baila e se canta entre xente. Dende as crianzas ata os que xa botan barriga, todos teñen sitio nesta troula.


A programación, coma sempre, é para todos os gustos e todas as idades. As crianzas tamén teñen o seu espazo, coa FoliAgra das crianzas, que trae dous espectáculos de Trécola Producións para os nenos e nenas do CEIP María Barbeito e Cerviño e do CEIP Raquel Camacho:

  • The Piccole Theatre, o martes 17 e o mércores 18.

  • Kinético, o mércores 18 e o xoves 19.

E que sería do Agra sen pasarrúas? Durante catro fins de semana, os sábados e domingos ás 11.30 da mañá, sairán dende a praza das Conchiñas formacións como Santaia, Herba Grileira ou Tradivivas Agra. Música tradicional da nosa para facer tremer as pedras.

Os bares tamén se apuntan, que o Cantos de Taberna xa é tradición: música, viño e algún que outro baile agarrado se cadra. Este sábado, 7 de xuño, desde as 19.30 horas, bares e cafeterías do barrio acollerán grupos como Cantareiros do Naval ou Tombalobos. Porque un barrio que canta xunto, segue xunto.

O sábado 14 de xuño será o turno da Escola Municipal de Música, que levará catro microconcertos ás rúas (na rúa Barcelona non vai caber un alfiler, e se chegas tarde, xa sabes: vas bailar no paso de peóns).

  • 18.00-18.30 h: Grupo de Tony González, na rúa Barcelona.

  • 18.30 h: Grupo de Dubai Baamonde, tamén na rúa Barcelona.

  • 18.45-19.15 h: Grupo de Galina Zavtur Gavrilov, na praza das Conchiñas.

  • 19.30-20.00 h: O coro moderno de Yelene Acosta e Ángeles Dorrio, de novo pola rúa Barcelona.

E como todo bo festexo no Agra, isto remata co corazón quente e os pés cansos. A festa pecha o domingo 29 de xuño, por todo o alto:

  • Pola mañá, ás 12.00 h, concerto da Banda Municipal da Coruña no auditorio do Centro Ágora.

  • Pola tarde, ás 19.30 h, Uxía Senlle e Celina da Piedade poñerán o broche final á edición da FoliAgra.
    Os concertos son de balde ata completar aforo, así que xa sabes: vai cedo, ou quédaste sen sitio.

Se nunca viñeches á FoliAgra, xa estás tardando. E se xa viñeches, sabes que aquí non hai cancelas nin silencios: só festa e barrio. O Agra está vivo, e este xuño bátelle o corazón a ritmo de muiñeira.

Palavea festexa a San Antón e Santa Cristina a próxima fin de semana (14-15 de xuño)

A Asociación Veciñal Os Nosos Lares de Palavea convoca á veciñanza e visitantes para as súas festas grandes o 14 e 15 de xuño. O sábado, a música correrá a cargo de The Muppets, Pili Pampín e DJ Male. O domingo será a quenda de Mr. Kamándula e a Orquestra Sinfonía. Durante toda a fin de semana tamén haberá actividades de mañá e tarde para todos os públicos: pequenos, maiores e todo aquel que teña ganas de troula.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???