Dos iniciativas, una llevada a cabo y otra en curso, pretenden que el calljero cambie sus nombres por otros más cercanos a la normalización lingüistica a favor del gallego y de las personas de la ciudad.
O Dépor, con nome propio (e ben posto)
Din que os nomes importan. E en Koruña, aínda máis se falamos do Dépor. Dende o pasado venres, a Rolda Real Club Deportivo de La Coruña xa non se chama así. Agora, oficialmente, é Rolda Real Club Deportivo da Coruña. Un cambio sutil pero simbólico, que corrixe a presenza da “L” castelá no topónimo, para adaptarse á Lei de normalización lingüística de 1983.
A iniciativa non xurdiu dun despacho, senón dunha aula. Foi o alumnado do IES Rafael Dieste quen impulsou a petición como parte da campaña Aquí tamén se fala, e o Concello recolleu a luva. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, acompañou ao estudantado no acto de descubrimento da nova placa, na rotonda do Pavo Real, moi pretiño do instituto.
Un cambio de letra con moita miga
Pode parecer pouca cousa, unha simple “L” que cae. Pero nesa “L” hai décadas de tensións identitarias, de afectos e resistencias. Hai quen segue dicindo “La Coruña” porque é o que aprendeu de pequeno. Pero no rueiro oficial, coma na camiseta do Dépor, o que manda é o que somos: da Coruña, sen máis. Sen desculpas.
O cambio enmárcase dentro dunha vontade maior de normalizar o uso do galego nos nomes públicos e recuperar a coherencia toponímica en toda a cidade. E facelo desde abaixo, dende a comunidade educativa, é unha desas pequenas vitorias que emocionan máis ca un gol en Riazor.
Un rueiro que muda, pero segue sendo noso
Este tipo de xestos urbanísticos, máis que borrar ou impoñer, buscan sintonizar a cidade coa súa lingua e coa súa xente. Porque o Dépor é da Coruña, como o somos todas e todos os que o levamos na alma. E se iso se escribe ben no rueiro, mellor que mellor.
Agora queda por ver se este impulso segue estendéndose. Porque, como ben dicían as rapazas e rapaces do Rafael Dieste: Aquí tamén se fala. E cada rótulo, cada placa, cada letra, tamén conta.
Sanjurjo fóra, os Diplo dentro
E mentres unha placa se adapta ao presente, outra podería deixarse caer ao fin. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda solicitou formalmente ao Concello da Coruña que a rúa Alcalde Sanjurjo, situada en Monte Alto, deixe de homenaxear a un alcalde franquista e pase a levar o nome de Os Diplomáticos de Monte Alto, o mítico grupo musical de irreverencia verbeneira, bravú, galeguidade orgullosa e compromiso social nacido no mesmo barrio nos anos 90.
A proposta apóiase na Lei de Memoria Democrática, que obriga á retirada de símbolos e nomes que exalten o réxime franquista. “Manter esta denominación vulnera a lexislación vixente”, sinalan desde a asociación, recordando tamén que o antigo colexio que levaba o nome de Sanjurjo xa foi rebautizado en 2022 como CEIP Torre de Hércules.
Os Diplo, como son coñecidos popularmente, “representan un referente cultural vivo e profundamente ligado á cidade. A súa figura permite visibilizar valores positivos, fomentar o orgullo local e reforzar a memoria colectiva desde unha perspectiva democrática e inclusiva”, explican no seu comunicado.
Rúas que falan (e cantan)
O callejero koruñés está a poñerse ao día con quen somos de verdade: unha cidade que fala, canta, recorda, protesta e baila. Que celebra o seu equipo co nome ben dito, e que propón trocar a memoria dun franquista polos ritmos descarados duns veciños que foron bandeira dun tempo. Porque tamén as rúas contan historias. E máis vale que conten as nosas.
¿A rúa dos Diplomáticos de Monte Alto? Soa ben. Soa moi ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???