Quen te viu e quen te ve. O Hockey Club Liceo asinou este martes no Pazo de Deportes de Riazor unha das páxinas máis frustrantes e inexplicables da súa historia recente. Perder unha Liga no quinto partido e nos penaltis sempre se pode camuflar baixo o comodín da "crueldade do deporte" ou a falta de fortuna a bola parada. Pero a realidade, fría e sen anestesia, é que este Liceo tirou o título pola borda despois de telo na man cun arranque de playoff de escándalo. Pasar de esnaquizar ao Igualada nos dous primeiros partidos por dous inapelables 8-2, a acabar hincando o xeonllo na casa, é un colapso en toda regra que require unha profunda autocrítica.
O bofetón de realidade na noite de San Xoán foi maiúsculo. O conxunto de Juan Copa foise desinflanto ao longo da eliminatoria, de máis a menos, incapaz de impoñer a súa teórica superioridade ante un Igualada moito máis enteiro de mente, máis intelixente nas súas cartas e máis forte nos momentos de máxima tensión. Ao Liceo pesoulle a responsabilidade de xogar como local, atenazado polos nervios, e acabou pagando a súa total inoperancia ofensiva nun epílogo esperpéntico: despois de 260 minutos de eliminatoria, na quenda de penaltis decisiva, o Liceo non foi quen de acertar nin un só lanzamento. Ningún. Un dato demoledor que resume a falta de claridade de ideas dun equipo que se bloqueou cando máis falta facía a puntería.