Despois das típicas pachangas de pretempada contra equipos de rexional e probas con sabor a solteiros contra casados, por fin o Dépor atopouse cun partido que cheiraba a fútbol de verdade. E tivo que ser ante o St. Pauli —eses piratas de Hamburgo que xogan na Bundesliga 2 pero que pretan coma se estivesen xogando unha final da Champions— onde o equipo de Antonio Hidalgo mediu por primeira vez o que significa a alta competición de Primeira.
Nun estraño experimento de 120 minutos —un deses inventos de pretempada que parecen deseñados por alguén que odia aos xogadores ou ten présa por vender cervexa no descanso—, o Dépor saíu vivo (2-2) dun escenario esixente, cun céspede enorme, moita rasca de disputas e un rival que, a unha semana de comezar a súa liga, impuxo un ritmo infernal.