No corazón dos Cantóns, a Fundación Barrié abre as portas a unha das exposicións máis esperadas do ano: “Álvarez de Sotomayor. A mirada dun século”, unha retrospectiva que celebra o 150 aniversario do nacemento do pintor ferrolán —e tamén alcalde de Koruña—, Fernando Álvarez de Sotomayor, un dos nomes fundamentais da pintura galega e española do século XX.
A mostra, comisariada por Javier Barón, xefe de pintura do século XIX no Museo do Prado, reúne 76 obras, algunhas delas nunca vistas en Galicia, e outras restauradas especialmente para a ocasión. Chegan de museos e coleccións privadas de España, Francia, Italia e Chile, país onde o artista tamén deixou fonda pegada como director da Escola de Arte de Santiago.
Pero máis alá dos lenzos, a exposición ofrece unha viaxe íntima pola vida do pintor: fotografías, cartas, bocetos, documentos persoais e mesmo recordos familiares, que amosan a súa humanidade, o seu labor incansable e o seu amor pola arte.
O legado dun mestre e dun avó
Na inauguración, Maya e Fernando Álvarez de Sotomayor, netos do pintor, compartiron anécdotas que revelan a súa faceta máis próxima.
“Na nosa casa, o primeiro agasallo que che facían de pequeno era unha paleta e uns pinceis, nada de bonecas”, contou Maya cun sorriso. Ela foi a neta que máis tempo pasou co avó, durante unha enfermidade de nena: “Eu pedíalle: ‘avó, píntame un león’, e el, con moita paciencia, ensinábame a mirar, a trazar o óvalo da cabeza, a proporción do corpo...”.
A obra xenética e pictórica de Sotomayot. Os netos Maya e Fernando recordan a o avó na mostra de parte da sua creación artística. Foto de El Ideal Gallego. |
O seu irmán Fernando lembrou tamén o accidente que marcou a última etapa vital do artista: “Tivo un accidente en Pedrafita, perdeu parte da visión dun ollo e danouse a columna, pero seguiu pintando, con esforzo e valentía. Moitas veces xúlgase esa etapa sen saber en que condicións traballaba”.
Entre as lembranzas familiares destaca tamén o seu rigor e elegancia, ese costume de ir impecable ao Museo do Prado —institución que dirixiu durante 21 anos, máis ca ninguén ata hoxe—, mentres a súa muller lle estiraba a roupa cada mañá.
Un percorrido histórico na exposición
A exposición, comisariada por Javier Barón, xefe da colección de pintura do século XIX do Museo do Prado, propón un percorrido pola vida e pola evolución artística do pintor ferrolán. O itinerario segue unha orde cronolóxica que permite entender como foi madurando o seu estilo e de onde veu esa mirada tan persoal.
Foto de presentación de inauguración o pasado xoves cos netos de Sotomayor e representantes da Fundación Berrié e do Museo del Prado. Foto de La Voz de Galicia. |
A primeira etapa, marcada pola súa estancia en Roma grazas á bolsa da Academia de España e polas viaxes ao norte de Europa, amosa un Sotomayor fascinado pola luz e polo detalle dos mestres flamengos. Desa época quedan obras cheas de minuciosidade e coidado técnico, nas que xa se percibe unha sensibilidade especial para o retrato.
A súa experiencia en Chile, a partir de 1908, abre un paréntese luminoso na súa traxectoria. Alí experimenta co xénero do paisaxe e coa cor, sen perder o pulso académico nin a paixón polo rostro humano.
Logo chega o gran momento do costumbrismo galego, que converte a Sotomayor nun dos cronistas visuais máis importantes da nosa terra. As súas escenas de romarías, traballos no campo ou mulleres na beira do mar teñen algo de epopea popular, retratan a vida coa mesma dignidade e beleza coa que outros pintores miraron ás súas xentes en Irlanda ou Bretaña.
O retrato, pola súa banda, é outro dos cumios da súa arte: elegante, natural, e con ecos de Velázquez, Van Dyck e a escola británica do XVIII. “Para o retrato está extraordinariamente dotado —explicou o comisario—; ten esa desenvoltura e esa facilidade, esa difícil facilidade propia dos grandes pintores da tradición española”.
Nos anos trinta e na posguerra, xa marcado polas feridas físicas e o paso do tempo, o pintor afonda nos mesmos temas, pero con matices máis contidos e íntimos. É o Sotomayor maduro, consciente do seu legado e do valor do seu oficio, que segue pintando mesmo cando a saúde lle volta as costas.
Un pintor da vida galega
O mestre Sotomayor é coñecido sobre todo polos seus retratos —cheos de dignidade e carácter—, pero tamén polas súas escenas costumbristas galegas, cheas de cor, luz e vida.
“Comida de vodas en Bergantiños”, pintada en Xornes (Ponteceso), é unha das xoias da exposición: un festín popular cheo de rostros veciñais, moitos deles xente real da contorna, algúns nenos entón que agota contan que os pintor os convencía con chocolate para posar diante do cabalete quetos como pedras.
Cea Galega, a obra máis popular de Sotomayor |
Nas súas telas hai peixeiras, labregos, procesións, romarías e nenos de mirada limpa. En cada trazo latexa unha Galicia viva, alegre, celta, orgullosa das súas raíces.
Unha vida entre museos, mares e memoria
A exposición percorre todas as etapas do artista: desde o seu recoñecemento internacional —gañou as primeiras medallas nas Exposicións de Belas Artes de Madrid e Barcelona— ata o seu papel institucional como director da Academia de San Fernando e alcalde de Koruña.
Tamén se amosa o seu labor en Hispanoamérica, especialmente en Chile, onde sementou escola entre novos artistas.
Javier Barón, o comisario, subliñou que “o obxectivo era presentar a amplitude e coherencia da súa traxectoria, e creo que o público descubrirá a un artista de profunda humanidade e talento”.
A exposición poderá visitarse na Fundación Barrié (Cantón Grande) ata o 11 de xaneiro de 2026, e esta mesma semana o comisario ofrecerá unha charla aberta ao público ás 20:00 horas.
Un encontro coa alma de Koruña
Visitar esta mostra é moito máis ca ver cadros: é reencontrarse coa mirada dun home que pintou a Galicia co corazón, que deixou pegada nas rúas, nas escolas e nas emocións de quen o coñeceu.
Quizais por iso, dicía a súa neta Maya, “cando el collía o pincel, parecía que o mundo se quedaba quieto”.
E nesta Koruña nosa, onde o mar tamén é memoria e cor, Sotomayor volve casa, entre aplausos, lembranzas e o murmurio agradecido dos pinceis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???