Esta semana, entre chaparrón e chaparrón, o Parrote estreou a súa flamante plataforma flotante, un invento que a Xunta anunciara hai xa tempo coma se fose a revolución marítima do século. Prometíannos algo moderno, dinámico, espectacular… e o que temos, finalmente, é unha pasarela de madeira sobre a auga: funcional, si, pero tan discreta que parece máis un embarcadoiro para patos finos que unha infraestrutura chamada a transformar a cidade.
| Momento da inauguración. |
A inauguración, como non podía ser doutra maneira, chegou pasada por auga —literalmente—. Un 100% de probabilidade de chuvia acompañou o acto oficial, mentres as cámaras buscaban un raio de sol que non apareceu. O resultado: catro discursos, tres paraugas e un par de valentes dispostos a probar a temperatura da auga, máis fría que o entusiasmo xeral.
Un luxo de medio millón... de euros
A cousa non remata aquí. A plataforma é só o primeiro capítulo dun proxecto máis amplo: falta aínda o edificio de usos múltiples, con zona de hostalaría, almacén e vestiarios. Todo moi moderno, moi funcional e, sobre todo, moi caro: 457.399 euros de investimento. Case medio millón para poñer o bañador a cuberto mentres os barcos pasan ao carón rumbo ao porto.
E claro, un non pode evitar preguntarse se isto vai ter éxito máis alá dos dous meses de verán nos que o sol decide facer escala en Galicia. Porque, se a chuvia xa acompañou a inauguración, imaxinade o panorama en novembro, con vento do nordés, mareas vivas e os catro gatos de sempre dispostos a chapotear entre ferris e gaivotas, una “zona de baño” que, polo visto, converterá O Parrote nunha especie de spa atlántico de luxo con vistas aos barcos do porto e aroma a gasóleo mariño, entre algas e sospeichosos niveis de contaminación. Os primeiros en estreala, iso si, serán os valentes de sempre, eses koruñeses que levan toda a vida mergullándose na dársena coma quen se mete na bañeira da casa.
Da praia roubada ao pontón de madeira
O máis curioso de todo isto é que, moito antes de plataformas e proxectos “urbanos de lecer”, no Parrote xa había praia. Unha praia de verdade, con area e mariñeiros, coa cidade detrás e o horizonte por diante. Era unha baía viva, un lugar de encontro, un espazo público que pertencía a todos.
| A Praia do Parrote en 1948 despois da construcción do Hotel Finisterre. |
| A praia desaparecida nos ano 40 era así en 1925. A esquerda o antiguo Hospital Militar. |
| Praia do Parrote nos primeiros anos do século XX. |
Pero nos anos 40, o réxime franquista desenvolvista decidiu ocupar esa franxa de dominio público marítimo-terrestre, e sobre ela levantouse o Hotel Finisterre, símbolo dun novo luxo que sepultou baixo formigón parte da praia que foran da xente. As piscinas mariñas, as terrazas e o acceso reservado substituíron o que fora un areal popular. Así naceu un espazo que deixou de ser do pobo para converterse en escaparate.Nos anos 60 a ampliación da Solana e o recheo do Parrote rematou o arenal.
O TSXG fala claro: o que é público, é público
O tempo pasou, e coa democracia chegaron os pleitos. Durante décadas, o Concello e a Autoridade Portuaria discutiron pola titularidade dos terreos de La Solana e o Hotel Finisterre. Ata que, finalmente, en outubro de 2023, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón ao Concello, declarando que esa área é de titularidade pública.
En palabras sinxelas: o que fora roubado e privatizado pola forza dun decreto franquista debe volver ao dominio común. É unha sentenza que non só fala de propiedade, senón tamén de memoria e de dignidade urbana. Porque Koruña é unha cidade feita á beira do mar, non de costas a el.
Entre o barco e o baño
E mentres tanto, seguimos aplaudindo plataformas de madeira. Hai quen di que bañarse no Parrote é romántico, e ten o seu encanto mergullarse mentres un ferri cruza ao fondo e o ruído dos motores mestúrase cos berros das gaivotas. Pero tamén é un recordatorio: nós xa tiñamos isto, e moito mellor, antes de que nos venderan a modernidade con sabor a gasóleo e madeira tratada co verde das algas.
Quizais o máis chamativo de todo é a falta de memoria coa que se anuncian estes proxectos. Falábase de “nova experiencia marítima urbana”, de “espazo integrador de ocio e benestar”, e ao final temos unha plataforma que flota e emociona o xusto, que máis ben parece un pontón para selfies en días nubrados.
A praia que nos deben
Tal vez vaia sendo hora de pensar en grande, pero mirando cara atrás. Recuperar a antiga praia do Parrote non é un capricho nostálxico: é unha forma de devolverlle á cidade o que foi seu, o que lle quitaron en nome do progreso doutros tempos.
Non se trata só de area e auga, senón de restituír o dereito da xente a tocar o mar sen barreiras nin concesións. Porque, se o TSXG di que é público, e a historia di que foi roubado, entón só queda un camiño: devolverllo á xente.
Remate Rabuñeiro
Esta semana as rabuñadas chegan salgadas, con memoria, con retranca e cunha idea clara:
mentres o Parrote flota a medias, o que de verdade afunde é a nosa capacidade de lembrar que un día, onde hoxe hai formigón e escaleiras, había area e liberdade.
E se algo debería flotar en Koruña, máis que plataformas, é a nosa vontade de recuperar o mar que nos pertence.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???