Boas noticias para os que levaban dous días durmindo abrazados ao conxelador e maldicindo o aire africano: o inferno pechou por vacacións. Despois dun fin de semana que vai directo aos anales da historia meteorolóxica local, a nosa querida e amada anomalía atlántica volveu poñer as cousas no seu sitio. O domingo espertamos con nubes, algún chuvasco e, sobre todo, un baixón térmico dos que fan afición.
Pasamos de rozar a evaporación mística o sábado co récord de 35,9 °C (a Aemet afinou o dato, que foi aínda máis salvaxe do que pensabamos) a uns devalados 26 °C de máxima o domingo. ¡Case dez graos de diferenza dun día para outro!
Para que vexades o contraste: o sábado ás 13:20 da tarde a xente derretíase na Area de Riazor a case 36 graos; o domingo á mesma hora, o termómetro marcaba uns reconfortantes 23 °C. Iso si, a madrugada do domingo volveu ser de récord para un mes de xuño, cunha mínima que non baixou dos 21,3 °C. Unha noite tropical en toda regra que nos deixou a todos coa saba pegada ao corpo.
¡Alto aí! Tecnicamente NON foi unha "Ola de Calor"
Seguro que no grupo de WhatsApp da familia xa estabas sentenciando que isto era unha ola de calor apocalíptica. Pois vai ser que non. Segundo as regras estritas da Aemet, para que San Pedro nos homologue unha "ola de calor" nun mes de xuño coruñés, fai falta que se superen os 26,6 °C durante tres días consecutivos.
| Termómetro marcando 36 ºC en el fin de semana. pasado frente a la Paya de Orzán. Foto de El ideal Gallego. |
Como o domingo "só" chegamos aos 26 graos ás cinco da tarde, quedamos ás portas. Así que nada, quedou en "sofocón histórico", "asadeiro veciñal" ou "o día que Labañou cociñou o porco sen gas", pero ola de calor non, que aquí as normas son as normas.
¿Rumbo ao ano máis cálido da historia?
Ollo ao dato que nos deixa este 2026 antes de que sique comece o verán de verdade (que entra oficialmente o vindeiro domingo 21). Na historia do Observatorio koruñés —que ten xa 96 anos de rexistros— só nun ano se chegaran a tres días de máis de 30 graos a estas alturas. Foi en 2011, aquel ano raro no que en abril xa estabamos a trinta graos e logo en xullo e agosto tivemos que poñer a chaqueta de la.
Este ano xa levamos tres días superando esa barreira: os 31 °C do venres, os 35,9 °C do sábado e... o que veña. De momento, os anos con máis días de calor extrema na cidade son o 2003 e o 2023 (con cinco días cada un). Ao ritmo que imos, este 2026 vai camiño de levar a medalla de ouro.
Previsión: Volve o "fresquiño" de sempre
Se es dos que odia o bochorno, podes respirar. Para os vindeiros días a Aemet trae paz para os nosos corpos atlánticos:
Hoxe e mañá: Cielos alternando sol e nubes, cunhas máximas que roldarán os 21 °C e mínimas que baixarán aos 16 °C. O que vén sendo o noso verán de confort.
Cara ao fin de semana: A cousa quere volver quentar un pouco. O venres poderiamos subir aos 24 °C e o sábado aos 27 °C.
A rabuñada final: Xa podemos gardar o abano e sacar outra vez a rebeca "por se refresca". Menos mal que Galicia sempre ten a ben darnos unha tregua, porque dous días máis a 35 graos e na Coruña empezamos a falar con acento sevillano. ¡A gozar do aire acondicionado natural da nosa bahía!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???