Se pensabades que co termómetro a 35,7 graos e os bombeiros correndo de aquí para alá a xente ía quedar na casa co aire acondicionado (o que o teña), é que non coñecedes ao mítico barrio de Labañou. Onte, sábado 13 de xuño, mentres a cidade semellaba o deserto do Sáhara, a praza da Tolerancia acolleu unha nova edición da Festa dos Porcos. E si, o prato estrela era un arroz con porco quentiño. ¡Con dous collóns!
"Está indo ben, pero co calor estalle custando un pouco vir á xente", recoñecía con moita cordura Pablo Leira, da asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero. Normal, meu. Onte o porco non facía falta nin cociñalo, dábaslle unha volta ao sol na praza e xa saía en punto de sal. Pero o orgullo de barrio puido máis que a canícula subsahariana.
50 anos de loita veciñal (e un pregón con moita historia)
A festa deste ano non era unha calquera. A asociación de veciños cumpre 50 anos, que se di pronto. No pregón lembraron que foi a segunda asociación en legalizarse en toda a cidade. ¡Medio século facendo barrio!
A xornada empezou cos rapaces do Conservatorio dándolle ao rock duro e seguiu coa cumbia dos Los Jinetes del Trópico para animar a sesión vermú. Despois veu o prato forte: unha paella xigante de arroz con porco que fixo as delicias dos máis valentes. "Estaba moi rico e deron unha ración ben completiña", comentaba Asunción, unha veciña que foi ver os concertos e acabou co garfo na man. ¡Aquí non se tira nada!
| A comer arroz con porco. Foto de El Ideal Gallego. |
"O zurriagazo" e outros xogos para esquecer o termómetro
Ademais de encher a barriga, a praza encheuse de xogos tradicionais de madeira organizados polos amigos de Xotramu. Alí houbo de todo: peonzas, o tres en raia, as gúas... e o estelar "zurriagazo", ese xogo que consiste en darse con sacos no cu a ver quen cae antes. Ideal para xogar a 35 graos sen romper a suar (ironía modo ON).
| A xente botuose a o chan baxo a mellor sombra que encontraron para comer o arroz. Foto de La Opinión Coruña. |
O bonito é que, aínda que ao principio eran os nenos os que miraban con curiosidade, ao final os maiores acabaron picándose igual coas peonzas e as bólas.
Un cartel musical que aguantou ata a madrugada
A tarde e a noite foron un auténtico maratón de ritmo. Pasaron por alí o folclore de Donaire, o circo de Patty Diphusa, o directo de Adhara & Ritman, e xa cando o sol deu un respiro (é un dicir, porque a noite foi tropical), a verbena puxose seria con dous pratos fortes: o son de A Banda da Balbina e o proxecto portugués Omiri. Para pechar a queima, La Yaya DJ puxo a bailar aos que aínda mantiñan o tipo pasada a medianoite.
A notar por Koruña Rabuña: en Galicia somos capaces de comer callos ou arroz con porco a corenta graos á sombra e quedar tan panchos. Un saúdo para os de Labañou, que demostraron que antes estala o termómetro que as ganas de festa do barrio. ¡Por outros 50 anos máis!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???