Raboñudos

Bienvenidos raboñudos del mundo entero a este blog!!!

miércoles, 18 de junio de 2025

"Quino na Música" no Palexco

 Quino, o xenio detrás de Mafalda, chega a Palexco coa exposición máis ambiciosa sobre a súa obra e a música como fío condutor. Máis de cen pezas orixinais para descubrir o Quino máis melómano e lúcido. Un arranque de altura para o Viñetas desde o Atlántico.

Desde este luns 16 de xuño, a sala de exposicións do Palexco acolle “Quino na música”, unha mostra orixinalísima que sintoniza o humor do creador de Mafalda coa súa paixón máis íntima: a música. A cita serve como pistoletazo de saída para a edición deste ano do festival Viñetas desde o Atlántico, e promete emocionar tanto aos devotos do viñeteiro arxentino como a quen saiba apreciar a música como arte e como trinchera contra o absurdo.

Momento de la inauguración de la nueva exposición del Palexco. 

A alcaldesa Inés Rey presidiu a inauguración, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e por unha comitiva variada que incluíu a Guillermo Lavado, músico e sobriño de Quino, e tamén comisario da mostra xunto á especialista Judith Gociol; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o tenente de alcalde de Palma de Mallorca, Javier Bonet, e Víctor Martiñán, en representación de Hijos de Rivera, entidade colaboradora.

A exposición ofrece máis de 100 pezas orixinais, desde os primeiros traballos de Quino nos anos 50 ata as súas viñetas dos 90, e xira arredor dunha idea tan sinxela como reveladora: a música estivo sempre aí, entre as súas liñas, como un compás secreto, como unha melodía que guiaba a súa crítica social e política.

“A música está moi presente nas críticas sociais e políticas de Quino, como símbolo de liberdade ou como contrapunto poético ao absurdo do mundo”, dixo Inés Rey no acto inaugural.

Quino con banda sonora

Moitos lembran o amor de Mafalda polos Beatles, pero esta mostra vai moito máis alá. Recolle o universo melómano dun autor que adoraba a música clásica, o jazz, o rock e todo canto lle fixera vibrar os tímpanos e a cabeza. Nunca antes este tema fora o eixo dunha exposición sobre o autor. De feito, non existe ningún libro temático sobre a relación entre Quino e a música, e tampouco se fixera ata agora unha escolma tan completa e específica de orixinais ao redor desta paixón sonora.

“Quino na música” naceu para o festival Còmic Nostrum en Palma de Mallorca, e chega agora por primeira vez a Galicia. Grazas á xestión de Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico, Koruña convértese na primeira cidade peninsular en acoller esta mostra que, segundo palabras do propio concello, é a máis relevante de pezas orixinais do autor realizada ata a data en todo o mundo.

Para escoitar cos ollos

A mostra repasa viñetas de humor gráfico e inclúe unha sección adicada a Mafalda, pero é sobre todo un homenaxe ao Quino máis íntimo, ao que atopaba no pentagrama un espello e unha trinchera. A música, como ben se ve entre os trazos das súas viñetas, servíalle para rir, para loitar e tamén para resistir.

“Esta exposición é un descubrimento do Quino melómano, irónico e apaixonado polo arte musical, e é, sen dúbida, unha das máis completas e ambiciosas que se teñen feito nunca arredor da súa obra”, destacou tamén a alcaldesa.

En definitiva, se cadra pensabamos que xa sabíamos todo sobre Quino. Pois non: a música estaba aí, nas entreliñas, como unha clave de sol agochada entre os globos de diálogo.

E agora, en Koruña, temos a sorte de poder descubrila. Así que xa sabes: Palexco, entrada libre, e os oídos ben abertos. Que soa Quino.

Fotos de la exposición. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???