O Peirao de Batería volveu ser o centro da movida. Entre o venres 19 e o domingo 21 de setembro, A Koruña viviu o final do verán con unha maratón de festas que deixaron claro que aquí hai ganas de bailar, sexa a ritmo de reguetón, electrónica ou mesmo nunha sesión para menores.
Perreo Fest: reguetón con camiseta branquiazul
O Modo Perreo abriu a fin de semana no Muelle da Batería cunha cita que esgotou entradas a ritmo de clásicos dos 2000. O público, unhas 5.000 persoas, vibrou co regreso das vellas glorias do xénero: Danny Romero, Fuego, Jose de Rico, Lorna ou Mike Goldman puxeron o patio patas arriba. Pero o momento máis coreado foi a entrada de Kiko Rivera coas cores do Dépor, un xesto que levantou vítores e puxo á xente a cantar coma se estivesen en Riazor.
Non faltaron himnos como Así soy yo, Agáchate ou Dale Don Dale, que demostraron que, máis alá de haters e detractores, cando soa o reguetón clásico, a cintura manda. As entradas (desde 20 euros) voaron días antes, confirmando ao Perreo Fest como un dos grandes do setembro musical en Koruña.
Wake Up: electrónica sen freos
O sábado e domingo foi a quenda da Wake Up (Festival Sol&Mar), que converteu de novo o Muelle da Batería nunha rave organizada. Máis de 4.000 persoas responderon á chamada, entre sets de Carol B2B Santorino, Humbe B2B Pachirulo e un peche mítico coa parella Pastis&Buenri.
A cita demostrou que a electrónica coruñesa xa non é cousa de guetos: “hai anos había que case esconderse por vir a isto, chamábanche yonqui”, lembraba Canay, camariñán fiel á Wake. Agora, co bo rollo por bandeira, o festival sumou actividades de ocio (arcades, futbolíns, cámaras 360, zonas de descanso que apenas se usaron) e unha after party no Pelícano para quen non tiña suficiente.
O tardeo: moda que non entende de idades
Pero se algo deixou claro a última semana no porto foi a forza do tardeo. Esa fórmula que semellaba pensada para “adultos maduritos” agora engaiola a todas as xeracións: máis de 6.000 persoas reuníronse nun tardeo nostálxico, mentres Coffee Party e Mestizo igualaron cifras ao longo dunha xornada completa. Ata os universitarios, pouco afeitos a esas horas, deixáronse caer polo Muelle, probando que a moda tamén ten relevo xeracional.
Tardeo xuvenil: o relevo no The Clab
E se os maiores se entregaban ao perreo e á electrónica, os máis novos tiveron tamén a súa oportunidade. O The Clab (antigo Chaston) inaugurou este sábado unha sesión “Bye Bye Summer” pensada para menores de entre 14 e 17 anos. Con entradas a 12 euros (incluíndo dous refrescos e, obviamente, sen alcohol), a festa recupera a tradición perdida dos 80 e 90, cando era habitual ver adolescentes compartindo pista cos adultos. Agora, con máis control pero tamén con máis espazo propio, o obxectivo é devolverlle a esa xeración un recuncho para bailar.
Unha cidade que quere festa
O que queda claro é que Koruña responde. A fórmula do porto como espazo multiusos triunfa: de reguetón a electrónica, pasando polo tardeo familiar e as sesións xuvenís, todo ten cabida. O que antes se vía como atraso —saír cedo, bailar pola tarde, festas abertas a todas as idades— hoxe é vangarda e identidade propia.
Monte Alto despide o verán entre música, memoria e espírito bravú
Monte Alto pechou a tempada das festas de barrio este 20 e 21 de setembro coa mesma forza coa que leva décadas facéndoo: enchendo as rúas de música, memoria e orgullo colectivo. Organizadas pola Asociación Veciñal Atochas–Monte Alto–A Torre, co apoio do Concello, as celebracións deixaron claro que aquí o verán non remata: transfigúrase en identidade.
Sábado de pasacalles, pregón e concertos
O sábado 20 o barrio espertou co pasacalles e a alborada do grupo Xebre. Ás doce, as gaitas e tambores abrían camiño á festa. Logo, a Escola Municipal de Música puxo banda sonora á sesión vermú, mentres a tarde quedaba para os máis pequenos con xogos populares e o espectáculo de Pakolas.
O pregón chegou da man de María Xosé Bravo, presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que evocou a forza veciñal e cultural dun barrio sempre combativo. A noite estalou cos concertos de A Banda da Loba e Loita Amada, dous directos que fixeron tremer a praza ata altas horas.
“Todas somos Diplomáticas”: a rúa fala bravú
O sábado tamén quedará gravado na historia polo roteiro “Todas somos Diplomáticas”, a celebración de que unha das rúas do barrio levará para sempre o nome do mítico grupo Os Diplomáticos de Monte Alto.
Roteiro "Todas somos Diplomáticas". Foto de El Ideal Gallego. |
Xurxo Souto, Guni Varela e Pulpiño Viascón camiñaron coa veciñanza entre música e lembranzas, nun percorrido que pasou pola rúa Oriente (ecos de Los Satélites), o Polvorín (alma do entroido), Marola (berce de Manuel Rivas), o Campo de Marte (escenario diplomático por excelencia) ou o Campo de Artillería coa sala Mardi Gras como templo musical.
“Estamos moi contentos”, confesou Souto, lembrando que esta rúa vén substituir á que levaba o nome dun alcalde franquista. Xustiza poética: onde antes había silencio, agora hai música bravú.
Domingo de memoria
O domingo 21 o barrio puxo a mirada nos que seguen vivos na lembranza. Ás doce, no cemiterio de San Amaro, celebrouse a segunda ruta “Xente que aínda segue con nós”. Ás 13.00 horas, no Campo de Marte, houbo homenaxe a Ramón Maseda, veciño querido e lembrado. A foliada de Son D’Aquí puxo o ramo á festa, facendo bailar á mediodía a quen resistía á resaca do sábado.
Bravú máis vivo ca nunca
O das festas de Monte Alto non é só troula: é unha maneira de facer barrio, de reivindicar a cultura popular galega e de demostrar que o bravú segue vivo, cos pés na rúa e coa memoria ergueita. Monte Alto non necesita inventar nada: leva anos marcando o camiño.
Monte Alto non só celebrou unhas festas. Celebrou a súa identidade. Porque poucas cousas hai máis rabuñeiras que lembrar aos que abriron camiño, cantar en galego con irreverencia e poñerlle música á resistencia cultural. E mentres uns seguen falando de “novos barrios de moda”, Monte Alto demostra que aquí o auténtico nunca pasou de moda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???