Este 2025 está a ser o ano de Zara. Medio século de historia da marca que saíu da Coruña e conquistou o mundo, e que agora quixo celebrar a súa orixe cun dos espazos máis singulares da cidade: a Cúpula Atlántica do Monte de San Pedro. O lugar, con vistas privilexiadas á ría, xa acolleu actuacións de Myles Smith, Luz Casal ou os franceses Air, e este venres 26 de setembro será a quenda de outro dúo parisino: The Blaze.
Formados en 2016 por Guillaume e Jonathan Alric, The Blaze chegarán a Koruña coa súa proposta a medio camiño entre música electrónica e cinema. Os dous veñen do mundo da fotografía e da dirección audiovisual, algo que se nota nos seus concertos, sempre cargados de potencia visual. Videoclips coma Virile ou Territory convertéronos en referencia internacional e en gañadores de múltiples premios.
The Blaze na Cúpula Atlántica. |
Só 200 afortunados
A noticia boa: o concerto será íntimo, envolvente e cun marco incomparable. A noticia mala: só caben 200 persoas na Cúpula Atlántica. Iso converteu cada entrada nun tesouro. Zara habilitou un sorteo na súa web, entre o 19 e o 22 de setembro, cun máximo de dúas entradas por persoa. O día 24 notificáronse os gañadores.
A expectación foi desbordante: máis de 18.000 persoas anotáronse para tentar conseguir sitio. Iso significa que só unha mínima parte poderá ver en directo o show, mentres o resto terá que consolárense coa paisaxe ou cos vídeos que inevitablemente inundarán as redes.
Un concepto de cidade
A Cúpula Atlántica estase a converter nun símbolo da Koruña contemporánea: espazo pequeno, selecto e con aire de modernidade, onde o concello cede o lugar e Zara pon a música e o novo espacio remodelado. Un formato que uns aplauden pola súa singularidade e outros critican pola escaseza de prazas. Porque, se ben é certo que a proximidade cos artistas é un luxo, tamén resulta inevitable pensar que un evento que esperta tanto interese podería abrirse a máis público.
Unha noite diferente
Sexa como for, o venres promete ser especial. Os 200 elixidos vivirán un concerto inmersivo, co mar ao fondo e a electrónica de The Blaze enchendo a cúpula. Unha experiencia única que confirma o Monte de San Pedro como epicentro cultural deste verán coruñés.
O resto da cidade terá que seguir agardando pola súa quenda…
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???