Raboñudos

Bienvenidos raboñudos del mundo entero a este blog!!!

viernes, 19 de septiembre de 2025

Sabina en Koruña: quedamos coa penúltima

 Hai artistas que pasan unha vez pola cidade e deixan unha foto para o recordo. E logo está Sabina, que volve, volve e volve… coma eses amigos que din que xa marchan pero logo aínda botan dúas horas máis na cociña.

O pasado xoves tocoulle outra vez ao Coliseum ser o seu salón particular. O home chegou cos seus 76 anos e un taburete que xa parece feito a medida, pero con máis retranca que nunca. Xa dende o arranque soltou un “Boas noites, Coruña. Boas noites, miña terra galega” que fixo que medio recinto se viñese arriba.

Non era unha noite calquera: esta xira, bautizada Hola y adiós, é a que teoricamente o retira dos escenarios. Teoricamente, porque con Sabina nunca se sabe. Xa leva 29 cidades e 54 concertos resistidos, e tras Koruña aínda lle quedan catro prazas e 14 funcións antes do último sorbo en Madrid, o 30 de novembro. Así que ter dúas datas na cidade é, de por si, un recoñecemento da complicidade que sempre tivo co público coruñés.

O repertorio das memorias

O menú foi unha mestura de clásicos de sempre e sorpresas “sacadas do baúl”. Así caeron ¿Quién me ha robado el mes de abril?, Calle Melancolía, Contigo e ese himno xeracional que é 19 días y 500 noches, cantado a berros por un público que converteu o Coliseum nun karaoke colectivo. Alí, entre coro e coro, houbo quen lembrou a figura de Nonito Pereira, xornalista que o trouxo por primeira vez en 1986 a o Palacio dos Deportes e que hoxe sería o primeiro en levantar a copa por el.

Sabina en su penúltima actuación en el Coliseum. Foto de Opinón Coruña


Xa dende o arranque soltou un “Boas noites, Koruña. Boas noites, miña terra galega” que fixo que medio recinto se viñese arriba. E a cousa seguiu sen baixar:

  • Calle Melancolía fixo que medio público mirase para dentro, lembrando noites de bares xa pechados.

  • ¿Quién me ha robado el mes de abril? converteuse nun coro xigante, deses que se escoitan ata en Lonzas.

  • Contigo deixou algunhas bágoas discretas, porque esas letras entran a matar.

  • E cando chegou 19 días y 500 noches, houbo quen mirou cara ese recuncho á dereita do escenario onde sempre estaba Nonito Pereira, coma se aínda estivera escoitando coa gravadora na man.

Entre canción e canción, Sabina tamén puxo o seu: “De toda la gira sois los que mejor cantáis”, díxonos. E non sabemos se o di en todas partes, pero aquí sentou como unha verdade coma un templo. Porque o certo é que non cantabamos con el: cantabamos connosco mesmos, coas nosas versións dos 80, 90 e 2000, coma nun karaoke colectivo con máis emoción que afinación.

Amor antigo con Koruña

Non é casualidade que repita tantas veces por aquí. Dende aquel 19 de agosto do 86 no Palacio dos Deportes, Sabina deixou parte da súa historia na cidade. E non o esconde: contou lembranzas, fixo guiños a amizades koruñesas e, sobre todo, mostrou complicidade cun público que xa o sente coma da casa.

A verdadeira lenda de Sabina en Koruña comeza coa súa primeira noite de troula na cidade, aquel 19 de agosto de 1986, cando actuou no Palacio dos Deportes e logo, da man do inesquecible Nonito Pereira, coñeceu a outra cara de Riazor: a da madrugada.

Foi daquela cando apareceron as primeiras chispas que logo se converterían en cancións. Porque, quen non cantou algunha vez aqueles versos de “Fue en un pueblo con mar, una noche después de un concierto. Tú reinabas detrás de la barra del único bar que vimos abierto”? Esas palabras deron lugar a dúas cancións xemelgas, Ojos de gata de Los Secretos e Y nos dieron las diez de Sabina. A primeira veu en 1991 coa voz melancólica de Enrique Urquijo, a segunda en 1992 coa retranca canalla do de Úbeda. O éxito foi dobre, e tamén a lenda: onde estaba ese bar? quen tiña eses ollos de gata?

En novembro pasado, Pancho Varona e Los Secretos ofreceron no Palacio da Ópera unha versión salomónica: metade de unha, metade de outra. Varona, entre chistes, chegou a dicir: “Hai unha señora de Pontedeume que asegura que a canción vai por ela”. Desmentiuno a medias, pero deixou no aire o misterio: “Se quere dicilo, non lle imos levar a contraria”.

O que si sabemos é o que contou Nonito Pereira no Ideal Gallego en 1990. Aquela noite de 1986, Sabina quedou prendado dunha “ninfa coruñesa, rubia, de ollos verdes”, a quen convidou a seguir a festa no Playa Club e despois na Pirámide, guiado polos irmáns Saavedra. Segundo Nonito, alí emerxeu o Sabina “nocherniego, cheo de humor cabrón pero san, de filigranas poéticas e de desafío verbal constante”. A troula alongouse ata que saíu o sol e, para rematar, un ramo de rosas vermellas chegou de mans do cantautor á casa daquela moza.

O resto da historia trasladouse a Madrid e durou algúns anos máis. E se algo está claro é que, se non foi Y nos dieron las diez, foron outras cancións as que gardaron aquel encontro. Porque ela, diso non hai dúbida, tiña ollos de gata.

“Sois los que mejor cantáis”

Entre canción e canción, Sabina tamén puxo o seu: “De toda la gira sois los que mejor cantáis”, díxonos. E non sabemos se o di en todas partes, pero aquí sentou como unha verdade coma un templo. Porque o certo é que non cantabamos con el: cantabamos connosco mesmos, coas nosas versións dos 80, 90 e 2000, coma nunha especie de ouija musical que nos levou pola Calle Melancolía.

Os listiños de sempre

Si, tamén haberá quen diga que non se ergueu do taburete, que tiña o teleprónter diante e que a voz non é a de antes. Pois mira, meus: a voz rachada segue tendo máis verdade ca moitos autotunes. E un Sabina sentado dá máis vida que moitos grupos enteiros correndo polo escenario.

A penúltima promesa

O concerto pechou con Princesa. E nós quedamos pedindo outra, a derradeira, esa que nunca chega. Pero tranquilidade: aínda queda mañá outro recital. Porque en Koruña sabemos ben que nunca se marcha sen tomar a penúltima. E con Sabina, a penúltima sempre é a seguinte.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???