Raboñudos

Bienvenidos raboñudos del mundo entero a este blog!!!

lunes, 19 de enero de 2026

A lenda de Santo Amaro volve á praia para lembrar quen somos

 Hai domingos nos que a cidade respira distinto. Mentres o inverno regalaba uns poucos raios de sol agradecidos, na praia de Santo Amaro non se escoitaba só o mar: soaban cornos, gaitas e voces chamando por unha memoria antiga, desa que non aparece nos libros pero vive nos lugares. Alí, no areal que leva o seu nome, a lenda de Santo Amaro volveu tomar corpo para reivindicar tradicións fondamente koruñesas e unha forma de entender a cidade que mira ao Atlántico.

Capitaneados por Xurxo Souto, varias ducias de persoas participaron nunha representación coral da historia de Amaro navegante, cunha foliada incluída e sen grandes artificios técnicos, porque aquí o importante non era o decorado, senón a palabra compartida e a emoción colectiva. “Esta é unha praia de infancia, unha praia na que todos temos vivencias”, lembraba Souto, explicando que, malia ser un lugar central da cidade, moi poucos coñecen realmente a súa historia.

Esa historia comeza aclarando un erro moi estendido: Santo Amaro non é San Mauro. “Son dúas persoas distintas”, insistía Souto. Mauro foi un santo italiano, discípulo de San Bieito. Amaro, pola contra, é un santo popular, que non figura no santoral romano, pero cuxa devoción foi tan forte que acabou sendo confundido. “Santo Amaro foi un navegante que atopou a Illa do Paraíso”, resume Souto, cunha mestura de fascinación e reivindicación.

O acto serviu tamén para denunciar a perda de patrimonio e de beleza que sufriu este recuncho da cidade. Souto lembrou que San Amaro tiña un castelo —o actual Club do Mar—, unha capela situada máis arriba, cara á avenida de Navarra, e unha fonte, a do Picho, hoxe desaparecida. “Cegaron a fonte e iso permitiu construír bloques de vivendas nun lugar que debería ser de todos, nunca un espazo para a especulación”, afirmou, poñendo palabras a un sentir compartido por moitos dos presentes.


A representación da lenda foi tan sinxela como potente. Coas crianzas subidas aos colos dos pais, comezou unha introdución ao mito de Amaro navegante que axiña se transformou nun pequeno teatro colectivo, improvisado e participativo, onde todos eran parte da historia. O final chegou en forma de foliada, co son da gaita, da pandeireta e dos cornos, e un coro de voces cantándolle ao santo do mar nun domingo que quedará na memoria.

Xurxo Souto no escenario da praia con San Amaro e foliada. Foto de El Ideal Gallego. 

Pero máis alá da lenda, o encontro foi unha chamada de atención sobre a relación da Coruña co seu mar. “Somos unha cidade barco, unha pedra chantada no medio do Atlántico”, recordou Souto, citando a Luísa Villalta e a súa definición da cidade como “tatuada na pétrea pel do mar”. E denunciou algo que doe: “Estamos educados como terrícolas, ninguén nos fala do mar”.

Falou tamén dos nomes que non aparecen nos mapas oficiais pero forman parte da xeografía íntima da cidade: a Rabaleira, o Gancho, o Grelle, o Redondo, a Longuiña, a furna do Altar, o Boi, a Vaca, o Becerro, o Becerriño. Lugares que existen, que están aí, pero que case ninguén explica. “É moi triste”, dicía Souto, “porque nesta outra Coruña do mar está tamén o noso futuro”.

Este domingo, en Santo Amaro, a cidade lembrou que ten raíces salgadas, historias navegantes e unha memoria que segue viva mentres haxa xente disposta a contala. E iso, nun tempo de esquecementos rápidos, xa é toda unha vitoria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???