Cumprense 40 anos desde que o "atleta da noite" —como o bautizou Miguel Ríos— nos deixou. Pucho Boedo non era só a voz de Los Tamara ou Los Satélites; era o home que sabía converter o dor nun bolero e a retranca nunha forma de vida.
O 26 de xaneiro de 1986, a cidade quedou un pouco máis orfa e moito máis silenciosa. Íase Pucho Boedo, o home que lle puxo banda sonora ás nosas verbenas, aos nosos amores de verán e a esa melancolía tan nosa que só el sabía modular entre os metais de Los Tamara. Hoxe, catro décadas despois, a súa figura non é só memoria; é o ADN dunha Koruña que aínda se emociona ao escoitar os primeiros acordes de A Santiago vou.
Pucho non era só un cantante; era un símbolo. Nado no corazón de Monte Alto, levaba o barrio na voz e a retranca na mirada. Con el, a música galega deixou de ser algo do pasado para converterse en puro "glamour" pop. Xunto a Prudencio Romo e Los Tamara, Pucho fixo que Galicia enteira bailase en galego nunha época na que as palabras eran perigosas, pero a súa voz era tan doce que ata o silencio o respectaba.
Unha voz que venceu ao tempo
Aínda hoxe, se pasas pola Rúa da Torre ou te perdes polas tabernas da Pescadería, é raro o día que non soa un "¡Pucho!". O seu legado é inmenso, dende os clásicos que todos tarreamos ata ese Miña Galicia que nos fai marchar un pouco a todos, aínda que non teñamos movido de Riazor. Pucho tiña ese "que" que teñen os grandes: a capacidade de facerche sentir que che estaba cantando a ti, ao oído, nunha barra de bar a última hora da noite.
A súa morte, con apenas 56 anos, foi un golpe que a cidade tardou en dixerir. Pero, como pasa cos mitos, Pucho nunca marchou de todo. Está na súa estatua no barrio, está nas verbenas que aínda versionan os seus temas e está, sobre todo, no orgullo de saber que a mellor voz de Galicia naceu aquí, entre o mar e a Torre.
A súa vida en poucas liñas
José “Pucho” Boedo Núñez (1929-1986), Pucho cargou sempre cunha maleta pesada: o fusilamento do seu pai e do seu irmán no 36. Din os que o coñeceron que ese sufrimento foi o que lle deu á súa voz aquel "que" que ninguén puido imitar. Pero Pucho, lonxe de ser un home triste, foi o rei de todas as pistas.
Infancia marcada pola traxedia
Naceu no 26 de xaneiro en 1929 no barrio da Fortaleza, na zona de Silva-O Ventorrillo. A súa infancia estivo marcada pola represión franquista: o seu pai, Xosé Boedo, anarquista da CNT, foi fusilado o 19 de agosto de 1936. Pouco despois, en 1937, o seu irmán maior José Antonio tamén foi executado. Outros irmáns tiveron que fuxir. Estas feridas marcaron para sempre a Pucho, que sempre falou da súa orixe humilde e rebelde.
Os comenzos
A finais da década de 1940 comezou o imberbe mozo a cantar en varios grupos nas festas como Eslava, Spallant, Ubierna, Mallo, Radio City e con Radio Juventud no Kiosco Alfonso. Gañou un concurso e foi fichado pola orquestra Los Trovadores de Alfonso Saavedra
Deixou Los Trovadores e marchou con Sito Sedes e Los Satélites. Con eles viaxou a Venezuela en 1951, a primeira orquestra galega que cruzaba o Atlántico. Foron pensando que tocaban ben a facer As Américas, e ademais de voltar pobres por ir enganados por un empresario e terminar tocando para comer e aforrar para o viaxe de retorno, recibiron una lección da que aprenderon dos mestres da música de Suramérica.
Los Satélites trouxeron de América aos campos da festa a música tropical, vinte anos antes de que en Nova York se inventase a palabra salsa. Pucho, porén, ficou en Venezuela. Entrou en contacto cos ritmos tropicais (son cubano, mambo, guaracha) que máis tarde mesturaría coa música galega.
| Pucho Boedo no centro da foto xunto a os compañeiros de Los Satélites rumbo a Venezuela |
De volta en Koruña
Cando retornou a súa terra , cantando con varios grupos. Volveu con Los Trovadores que pasaria a chamarse Pucho Boedo y sus Trovadores. Con eles grabou sus primeiros discos e pasaba nos invernos actuando nas mellores salas de festa de Madrid.
| Pucho Boedo y Sus Trovadores no 1954 no Hotel Finisterre. |
O "roubo" que acabou en aperta
Unha das mellores anécdotas que recolle Nonito Pereira é o seu encontronazo con Prudencio Romo. Pucho trouxera de Venezuela o bolero Sahara e Prudencio, que tiña unha das primeiras gravadoras de Galicia, "copioulle" os arranxos nunha actuación en Noia. Pucho ía encendido a pedirlle explicacións, pero ao escoitar o ben que soaba a orquestra de Romo, os reproches convertéronse en felicitacións. Daquela unión naceron Los Tamara e éxitos que nos levaron ata o Olympia de París.
Pucho e Los Tamara
| Pucho Boedo e Los Tamara |
Pucho converteuse nunha estrela das verbenas e salas de festas. Formou parte de grupos míticos como Los Tamara e Los Satélites, e despois triunfou como solista. As súas cancións máis coñecidas son:“Mi tierra gallega” "Galicia Terra nosa" o “O vello e o sapo”.
Pucho modernizou a canción galega ao incorporar ritmos caribeños e latinos, creando un estilo único: elegante, melódico e moi bailable. A súa voz grave, cálida e seductora, xunto co seu porte de galán dos anos 50-60, facíano irresistible para o público feminino.
O “golfo elegante” da noite koruñesa
Pucho foi un personaxe nocturno por excelencia. Coñecido como o “golfo elegante”, gozaba da vida: noites largas, copas, bromas telefónicas (hai anécdotas memorables, como cando chamou á raíña de España confundíndoa con Franco) e un carácter carismático e algo fanfarrón. No mundillo musical da época xeraba admiración e algunha envexa.
De Mallorca con Paco Buyo ao Madrid de Amancio
O seu carisma non tiña fronteiras. Nos invernos en Madrid, era o "rei da noite", codeándose con lendas do Real Madrid como Amancio ou Veloso. Pero a vida deulle un revés en 1976 cunha enfermidade renal, e deixa a música ata 1982 cando canta como solista.
Aí apareceu a solidariedade galega: o exfutbolista Amador o arropou en Mallorca para que recibise tratamento, entre grolo e grolo de augardente. E alí o noso Pucho acabou compartindo piso co mismísimo Paco Buyo. Imaxinade as conversas nesas ceas: un porteiro de lenda e o mellor crooner de Galicia compartindo vivenda mentres Pucho esperaba un transplante con ese humor seu tan herculino: "Estou desexando que me chegue un ril, aínda que sexa de vaca". Chegou a montar una discoteca con Amador.
A enfermidade e a morte, os últimos anos
No ano 1979, Pucho volve a Koruña, despois de pasar anos en Mallorca, lexos dos focos dos escenarios e a prensa. ¿Onde estaba Pucho? pregunta que se facian moitos. Súa volta foi para un homenaxe no recén aberto Pazo dos Deportes da Koruña onde non cabía mais xente. Actuaron Betty Missiego, Rocío Dúrcal, Los Tres Soles del Paraguay, Juan Pardo, Sergio Facheli, Pepe Domingo castaño, a Orquesta Los Satélites, o Conjunto Almanzora y Joaquín Prat. A recaudación serviría para pagar o tratamento de diálise.
Pucho non esquecería xamais ise recibimento e a sorpresa de ser tan querido onde naceu.
Meses despois en Londres pasaría o mesmo, no Porchester Hall., un homenaxe organizado por La Hermandad Española en Gran Bretaña con 1400 persoas (e outras 1000 fora) que choraron e aplaudiron no que sabían que iba a ser a derrareira vez que o viran.| Pucho na volta a os escenarios. Foto de La Voz de Galicia. |
E o crooner volveu a os escenarios con Los Tamara, enfermo e débil. Gardando as poucas forzas que tiña para facer o que mais lle gustaba e a obligación para pagar a suas débedas. E quen escribe tivo a oportunidade de velo en unhas das súas tristes actuacións, nas festas do Temple. Sendo neno, o son da festa atravesaba a Ría do Burgo desde Cambre ata a miña casa. Non era un son calquera; era o eco de Pucho Boedo administrando as súas últimas forzas nunha desas tardes estivais que hoxe gardamos coma ouro en pano.
Unha cadeira para un xigante
Aquela actuación en Cambre foi o reflexo, mais patético, do que veríamos despois na TVG. O "atleta da noite" xa non podía manterse en pé. Pucho saíu ao escenario e sentou nunha cadeira, unha imaxe que conmoveu a unha multitude que sabía que asistía a un milagre. Entre o público de Cambre, os comentarios eran de "malos augurios"; todos sabían que os seus riles estaban fallando, pero en canto Pucho abría a boca, o tempo detíñase.
| Unha das actuacións de Pucho Boedo en Koruña nos principios dos iotenta. Foto de La Voz de Galicia. |
Sentado, dosificando o aire coma se fose o último sopro de vida, Pucho mantiña a potencia de voz que todos coñeciamos polos casetes. Era o triunfo da vontade sobre o corpo.
A conexión coa emigración: ao igual que Curros tivo que marchar a Cuba, Pucho sabía que a súa voz era o fío que unía aos galegos de Bos Aires, Londres ou Caracas coa súa terra. Cantar a Curros era darlle voz aos que non tiñan voz.
Un momento detido no tempo
Esa tarde en Cambre, coa brisa da ría acariciando o escenario, Pucho non só cantaba; estaba dictando o seu testamento. Aquel neno que escoitaba desde "o outro lado" da Ría do Burgo foi testemuña de algo que hoxe entendemos mellor: Pucho Boedo non se rendía. Nin a cadeira, nin a diálise, nin os malos presaxios podían con aquel home que, sentado, parecía máis alto que ninguén.
A despedida de Pucho que paralizou a TVG
Foi a finais de 1985. Pucho xa estaba moi minguado fisicamente pola súa enfermidade renal, pero a súa voz mantiña ese brillo quebradizo que o facía único. O programa "Ruada", presentado por un mozo Xosé Luís Blanco Campaña, convidouno para o que sería, sen que ninguén o soubese oficialmente (pero moitos o sospeitasen), o seu último momento enriba dun escenario.
Pucho saíu ao plató cunha elegancia impecable, pero as cámaras non podian ocultar a súa debilidade física como mostraban seus movementos ríxidos, o voz temblorosa e a unha cadeira onde tiña que sentarse. Era una despedida no só dos escenarios tamén da vida, diante das cámaras da gallega. Cantou con Ana Kiro "A Santiago Voy" e só "Mi Tierra Gallega". Porén, cando empezou a cantar "O vello e o Sapo", o tempo parouse.
O detalle técnico: din os técnicos de son daquela época que Pucho apenas tiña forza para soster o micrófono antes de empezar, pero en canto soou a orquestra, erixiuse como o "crooner" que sempre foi. Non fallou nin unha nota.
A mirada á cámara: houbo un momento nesa actuación no que Pucho mirou directamente á cámara cun sorriso melancólico, como se estivese dándolle as grazas a todos os galegos que o acompañaran dende os tempos de Los Tamara.
"O Vello e o Sapo": O dor de Curros na voz de Pucho: unha das cancións máis desgarradoras dese repertorio final era "O Vello e o Sapo", baseada no poema de Manuel Curros Enríquez. Din que era a favorita de Pucho, e non é difícil entender por que. O poema fala da decadencia, da incomprensión e dun dor profundo que Pucho facía seu. Para o "Rouxinol", cantar a Curros era moito máis que música:
Unha ferida aberta: Curros Enríquez foi o poeta da denuncia social, e Pucho, que levaba gravado a lume o fusilamento de seu pai e seu irmán na Guerra Civil, atopaba neses versos a vía de escape para o seu propio trauma.
A canción da vellez: a letra e desgarradora, un home, sen nada, só, afronta o seus últimos intres na vida.
O pulso a parca: o que fixo Pucho nesa última aparición na TVG foi demostrar que o artista está por riba da enfermidade. A imaxe del, algo máis delgado pero cos ollos acesos, cantando á nosa terra, é a que moitos koruñeses gardamos no corazón. Foi o seu xeito de dicir: "Non me vou de todo, quédome aquí, gravado para sempre".
O documento que hoxe é un tesouro
Esa gravación de "Ruada" é hoxe un documento histórico que se repite en cada homenaxe (e que seguramente veremos na gala do Palacio da Ópera o vindeiro 8 de febreiro). Foi a última vez que Galicia o viu.
Meses despois, o 26 de xaneiro de 1986, a televisión galega daría a noticia da súa morte abrindo o informativo. Aquela actuación en "Ruada" pasou de ser un "musical máis" a converterse no testamento vital dun home que morreu coma un "atleta da noite": esgotando as súas últimas forzas para regalarlle unha última canción ao seu público.
Despois de varios anos de sufrir a enfermedade recibindo sesións de diálise, Pucho que siguía bebendo e fumando, en 1986, aos 57 anos, faleceu na sua casa de Koruña dun ataque a o corazón, tras unha longa enfermidade. Din que antes que morreu despideuse visitando a os amigos por todo-los recunchos da cidade. O seu adeus deixou un baleiro enorme na escena musical galega.
Pucho non morreu o 26 de xaneiro. Morreu un pouco en cada escenario que pisou naquel último ano, regalándonos as súas últimas enerxías nunha cadeira de madeira en Cambre ou nun plató de televisión. Pucho Boedo foi, ata o final, a nosa voz máis valente.
O legado de Pucho Boedo Hoxe
- 40 anos despois, o seu nome segue vivo:Ten unha rúa co seu nome en Oleiros.
- Hai un mural e una estatua como homenaxe no barrio do Ventorrillo.
| Mural no Ventorrillo. Foto de La Voz de Galicia |
- As súas cancións aínda soan nas verbenas e festas populares.
- Documentais e artigos recentes seguen a reivindicalo como un dos grandes embaixadores de Koruña no mundo.
O cariño que non cesa: "Bícame Pucho"
Pucho non foi consciente do que significaba ata que o corpo empezou a fallar. O pavillón de Riazor en 1979 desbordouse nunha homenaxe histórica con Juan Pardo e Rocío Dúrcal para axudalo co seu tratamento. Koruña sempre respondeu, e ségueo facendo: hoxe é, xunto a Isabel Zendal, o único personaxe con dous monumentos na cidade (un na Cidade Vella e outro no Ventorrillo, onde agora luce un mural xigante).
Apunta na axenda: 8 de febreiro
Se queres seguir rendéndolle tributo, o próximo 8 de febreiro ás 19:00h, o Palacio da Ópera acollerá a gala "Bícame Pucho", organizada por El Ideal Gallego e a TVG. As invitacións son gratuítas e pódense descargar en Ataquilla.com. Alí estarán dende Los Satélites ata Ortiga, demostrando que a música de Pucho non ten data de caducidade.
Koruña é unha cidade que moitas veces esquece pronto, pero con Pucho non hai xeito. Corenta anos despois, o seu legado segue máis vivo que nunca. Quizais hoxe, para esquecer a derrota contra o Santander ou o frío de Ingrid, o mellor plan sexa poñer un disco dos Tamara, pechar os ollos e deixar que o "Rouxinol" nos leve de viaxe unha vez máis.
Porque, como el dicía, a Santiago imos... pero á Koruña sempre volvemos, aínda que sexa a través dunha canción que non ten fin.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???