Koruña volve mirar ao mar con respecto (e algo de medo). Foron só tres días. Martes, mércores e xoves. Un pequeno paréntese no que Koruña puido baixar a garda, mirar ao mar sen tensión e facer ver que o inverno daba unha tregua. Pero durou pouco. Este venres, a cidade volve entrar en alerta vermella meteorolóxica, outra vez polos fenómenos costeiros máis adversos, deses que lembran quen manda realmente neste recuncho do Atlántico.
Parece que o ceo lle ten xenreira á Koruña esta semana. Se pensabas que co de onte xa cumpríramos, a Borrasca Jairo está a piques de entrar pola Torre de Hércules con ganas de demostrar quen manda aquí. Non é unha treboada máis; é unha "cicloxénese" das nosas, das que che obrigan a pechar as fiestras con cinta illante.
O Vento: Refachos de "voar o flequillo"
O peor de Jairo non vai ser a auga, senón o vento. Espéranse refachos de componente Oeste-Noroeste que poden superar os 110 km/h nas zonas máis expostas (Riazor, Adormideras e o alto de Santa Margarida).
O perigo: Co solo xa empapado por Ingrid, as raíces das árbores están fofas. Moito ollo ao pasar por Méndez Núñez ou o Parque de Bens; hoxe as árbores teñen o equilibrio dun que sae do Orzán ás seis da mañá.
O Mar: Ondas de "máis de dous pisos"
A situación na costa vai ser de Alerta Vermella. Jairo trae unha mar de fondo espectacular. Ondas que poden acadar os 9 metros. Coa marea alta desta tarde (arredor das 18:30h), o mar vai querer saltar o muro e meterse a tomar un café na rúa real. A zona de Modesta Goicouría e o espigón da Coraza van ser zonas de guerra. ¡Nin se vos ocorra ir facer a foto para o Instagram ao muro, que o mar non ten amigos!
A Choiva: O "calabobos" de sempre, pero con mala idea
Non se esperan inundacións catastróficas, pero si unha choiva persistente e racheada que, axudada polo vento, vai facer que o paraugas sexa un obxecto inútil e perigoso. É o típico día de chuvasqueiro e botas de goma, ou de quedar na casa comentando a xogada en Koruña Rabuña.
| Foto de El Ideal Gallego. |
Segundo a Aemet, o peor chegará a partir das catro da tarde do venres, cando se active o aviso máximo por ondas que poden acadar os nove metros de altura. Ata ese momento, desde a medianoite, o aviso xa será laranxa, con previsión de ondas de ata oito metros. A alerta vermella manterase ata as oito da mañá do sábado. Unha noite longa para quen vive preto do mar… e tamén para os servizos de emerxencia.
Non é só cuestión de ondas. O vento tamén quere a súa parte. Toda a cidade e a área metropolitana estarán en alerta amarela por fortes rachas, que poden chegar aos 80 quilómetros por hora. Un cóctel que xa coñecemos ben nestas últimas semanas e que adoita deixar incidencias, chamadas aos Bombeiros e algunha que outra noite de sono interrompido.
O Orzán e o Matadoiro, engulidos outra vez
As imaxes xa non sorprenden, pero seguen impactando. O mar volvendo tragarse o Orzán e o Matadoiro, facendo desaparecer os areais baixo a auga como se nunca tivesen estado aí. Pasou esta semana, arredor das dez da mañá, coincidindo coa pleamar, e volverá pasar mentres o temporal siga golpeando a costa koruñesa.
| O Matadoiro baixo o mar. Foto de El Ideal Gallego |
| Praia de Orzán. Foto de El Ideal Gallego. |
Nos últimos episodios de alerta vermella, a preocupación estivo especialmente posta en Riazor. O impacto continuado das borrascas acabou deixando moi tocada a duna protectora, ata o punto de que se produciron desbordamentos cara ao Paseo Marítimo. O Concello tivo que intervir esta mesma semana para reconstruíla, intentando gañar tempo e protección antes da chegada de novas borrascas.
Non era un medo infundado. A propia alcaldesa, Inés Rey, advertira días atrás do risco de que a auga puidese chegar incluso a Modesta Goicouría, ás portas da praza de Pontevedra. Finalmente non ocorreu, pero o aviso quedou aí: cando o mar quere, non entende de previsións optimistas.
Váter Fly, o urinario pantasma, volverá a voar
Nos Rosales estis días xa non fai falla mirar MeteoGalicia: cando hai alerta laranxa ou vermella, Váter Fly esperta. O famoso urinario pantasma, ese elemento a medio camiño entre o mitolóxico e o sanitario, volveu deixarse ver esta semana coincidindo coa chegada do no temporal.
Non o invocan meigas nin forzas do alén. Aquí nada de aquelarres. O seu é máis terrenal: vento forte, obra mal ancorada e mala hostia meteorolóxica. Cada vez que o tempo se pon bravo, o urinario colle folgos e desprázase polo entorno da praza Elíptica coma se tivese vontade propia.
![]() |
| Váter Fly camiño do mar |
Nesta ocasión non causou estragos no tráfico nin chegou ata Manuel Azaña, pero os veciños con boa memoria —e certo gusto pola superstición— repararon nun detalle inquietante: a última vez que Váter Fly cobrou vida foi exactamente hai un ano, o 28 de xaneiro. Casualidade… ou xa estamos ante un ciclo ritual perfectamente establecido.
O Concello volve reconstruír a duna de Riazor tras o último temporal
O Concello de Koruña iniciou de novo os traballos de reparación da duna de Riazor, danada polas borrascas do mes de xaneiro e especialmente polo paso de Ingrid durante a fin de semana pasada. As obras arrancaron onte a través da Concellaría de Medio Ambiente, aproveitando a mellora momentánea da situación meteorolóxica, co paso da alerta vermella á amarela.
| A duna volve a ponerse en pe. Foto de El Ideal Gallego. |
Para a reconstrución estase a empregar unha retroescavadora de trinta toneladas, encargada de volver montar e perfilar a estrutura de area que protexe o Paseo Marítimo. Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, está previsto que os traballos queden rematados ao longo desta mesma semana, sempre que as condicións do tempo o permitan. Desde o Goberno municipal insisten en que a seguridade no paseo é unha prioridade.
Durante os días de peor tempo, e desde o pasado mércores, o Concello mantén tamén un retén dos servizos municipais de limpeza en Riazor, composto por un tractor e un camión cisterna. Este dispositivo encárgase de realizar arranxos puntuais e de retirar a area que poida acabar na beirarrúa ou na calzada como consecuencia do forte oleaxe.
A duna de Riazor, que supera os dous metros de altura no seu punto máis elevado, foi construída por primeira vez no ano 1995, despois dun forte temporal que chegou a derrubar a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao paso por este areal. Como é habitual, esta estrutura provisional manterase ata mediados do mes de maio, coincidindo co remate da tempada de temporais máis duros na costa koruñesa.
Peches, precaucións e unha rutina que xa é demasiado habitual
Ante este novo episodio, o Concello volveu tomar medidas coñecidas: parques, xardíns e praias pechadas, tanto o xoves como o venres. Un protocolo que xa forma parte da rutina deste inverno, no que Koruña leva semanas practicamente encadeando avisos amarelos, laranxas e vermellos sen apenas descanso.
O máis chamativo é que xa case non falamos de temporal excepcional, senón dunha normalidade perigosa, dunha sucesión de borrascas que non dá tempo a esquecer cando xa está chegando a seguinte. O mar entra, retírase, volve entrar… e cada vez deixa algo tocado polo camiño.
Koruña, cidade feita a carón do océano, sabe convivir con isto. Pero tamén sabe que hai límites. Por iso, máis alá das fotos espectaculares e das ondas rompendo contra o Paseo, a mensaxe volve ser a mesma de sempre: prudencia. Porque o mar, cando se enfada, non perdoa despistes nin selfies.
O Consello da Rabuña
Coidado coas macetas: se tes plantas no balcón, méteas dentro ou hoxe o teu xeranio acaba en Oleiros sen pasar polo peaxe.
Riazor en observación: o Concello xa avisou que a zona do estadio estará valada. Non sexas curioso, que o vento hoxe ten moita forza e a cuberta xa está "tocada".
Andar con sentidiño: se podes evitar o Paseo Marítimo, mellor. O salitre non é bo para o coche, e as pedras que bota o mar teñen moi mala puntería.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???