Durante anos falouse do Green Port de Langosteira como a gran oportunidade de Koruña para subirse ao tren (verde) do futuro. Un porto exterior convertido en hub internacional de enerxías renovables, con eólica mariña flotante, hidróxeno verde, amoníaco limpo e barcos repostando combustible do século XXI. O papel aguantaba todo. A realidade, non tanto.
Un proxecto ambicioso… sobre formigón pesado
A idea do Green Port era clara: aproveitar a enorme explanada de Langosteira para fabricar compoñentes de aeroxeradores mariños e producir enerxía limpa que alimentase tanto a industria como o transporte marítimo. Un proxecto estratéxico, aliñado cos fondos europeos e co discurso da transición ecolóxica.
| Proxeto de Green Port. Foto de El Ideal Gallego. |
Pero Langosteira naceu cun pecado orixinal difícil de borrar.
A mochila de 300 millóns
O porto exterior construíuse a base de préstamos do Estado e do BEI (Eiras Vedras), deixando á Autoridade Portuaria de Koruña cunha débeda que rolda os 300 millóns de euros. Un lastre que condiciona absolutamente todo.
Mentres noutros portos do Estado —como Valencia ou Santander— houbo condonacións ou alivios da débeda, en Koruña sempre houbo “peros”. Resultado: a Autoridade Portuaria non pode investir pola súa conta nin asumir riscos. Todo depende de terceiros.
Fondos europeos ou nada
O Green Port está atado de pés e mans aos fondos Next Generation e ao investimento privado. Se Bruxelas tarda, o proxecto para. Se as empresas non ven claro o negocio, o proxecto conxélase.
E as empresas non son ONG: sen infraestruturas clave, como o tren, e cun marco normativo cheo de incógnitas, o retorno do investimento non está claro. Nin para Ignis, nin para Enerfín, nin para ningún fondo internacional con calculadora.
O tren que nunca chega (a tempo)
Non hai porto competitivo sen ferrocarril. Punto.
As obras do tren a Langosteira avanzan, si, pero chegan décadas tarde. Durante anos, Langosteira foi un porto illado, un illote de formigón ao que só se accede en camión.
Ese atraso foi letal para o Green Port: sen tren operativo, moitos operadores privados decidiron non arriscar o seu diñeiro. Porque un porto verde sen tren é como un coche eléctrico sen enchufe.
Por que se fala xa de fracaso de financiamento
Non é só unha cuestión local. Hai máis factores:
-
Custos disparados: a inflación e o prezo dos materiais fixeron que as plataformas de eólica mariña sexan moito máis caras do previsto.
-
Incerteza normativa: a regulación estatal da eólica mariña avanza a paso de procesión de Semana Santa. Os investidores prefiren Escocia ou Dinamarca, onde as regras están claras.
-
Guerra institucional: Concello, Xunta e Goberno central levan anos botándose a culpa mentres a débeda segue xerando xuros.
A plataforma experimental: outro freo máis
A Xunta leva tempo sinalando ao Goberno central polo bloqueo da plataforma experimental de eólica mariña fronte a Langosteira, anunciada en 2022 xunto con REE e a Autoridade Portuaria.
Segundo o Goberno galego:
-
O Ministerio para a Transición Ecolóxica mostrou unha oposición frontal, malia que os POEM permitirían o proxecto.
-
Non houbo resposta á solicitude de REE para participar.
-
Isto impide probar prototipos flotantes en condicións reais e avanzar no coñecemento dos impactos ambientais e pesqueiros.
A paradoxa é evidente: mentres o Estado abre subastas de eólica mariña, frease un proxecto piloto clave en Galicia.
O veredicto da Rabuña
O Porto Verde de Langosteira corre o serio risco de converterse noutra Cidade da Cultura, pero con aeroxeradores: un proxecto brillante sobre o papel e financeiramente inviable na práctica.
Sen unha condonación real da débeda, sen tren operativo a pleno rendemento e sen regras claras desde Madrid, Koruña está tentando correr unha maratón cunha mochila de 300 quilos ás costas.
O Green Port non fracasou tecnicamente.
Fracasou politicamente.
E, sobre todo, fracasou por falta de valentía para asumir que Langosteira non pode cargar soa cun erro de deseño que vén de hai dúas décadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???