Koruña espertou este sábado a cero graos, que xa non é unha maneira de falar nin unha esaxeración de cuñado: é frío do de verdade, do que che fai dubidar se saír da cama ou pedir a baixa emocional. A Aemet xa avisara de que o final de ano ía vir dos máis fríos desde 2010, e como case sempre, desta vez acertou.
O venres xa fora de bufanda, gorro e luvas —esas mesmas que Papá Noel deixou baixo a árbore porque sabía o que viña—, pero o sábado deu un pasiño máis: sensación térmica de cero graos en plena cidade. Koruña, versión Siberia, pero sen trineos.
Segundo MeteoGalicia, no dique de abrigo marcábanse arredor das once da mañá uns 3,3 graos, pero o corpo dicía outra cousa: 0,6 de sensación térmica, ese frío que se che mete nos ósos e non paga alugueiro. A madrugada xa viñera avisando, baixando dos 5 graos pasada a medianoite e tocando fondo sobre as 08.40, cando os termómetros se quedaron nos 2,4.
| El hielo cubre los campos. Foto de La Opinión de A Coruña |
No interior da área metropolitana a cousa foi aínda máis seria. Alí, sobre as seis e media da mañá, houbo zonas con 1,3 graos, frío de xeada, de campo branco e de coche que non abre á primeira.
E claro, co frío e os ceos despexados, chegou o espectáculo clásico: xeadas por todas partes. No centro da cidade, nos barrios e arredores, aínda quedaban restos de branco nas zonas onde o sol non se dignara a aparecer. Condutores rascando o parabrisas coma se estivesen preparando un marisco, tentando ver algo antes de arrincar.
En sitios como Meirás, en Sada, a estampa era claramente invernal, desas que quedan moi ben en foto… sempre que non teñas que saír cedo da casa.
Segundo MeteoGalicia, o frío vai seguir uns días máis, aínda que con ceos pouco nubosos ou despejados. Para o domingo espéranse temperaturas entre os 14 e os 5 graos, e o luns algo parecido, entre 13 e 5. Frío, si, pero xa máis de “abrigo serio” e menos de “vivir dentro dun conxelador”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???