Hai que recoñecerlle unha cousa a Inés Rey: para montar películas e festas de autobombo non hai quen lle gañe. Este mércores, mentres a cidade aínda intentaba recuperarse do verán africano do fin de semana, a alcaldesa montou un "publirreportaxe" en Palexco, rodeada dunha trepa de palmeiros de diversos ámbitos (periodistas de diferentes medios ben pagados, hostaleiros afíns, directores nomeados a dedo e veciños convenientemente escollidos), para celebrar os seus sete anos en María Pita (tres desta última quenda). Unha gala conducida pola xornalista Isabel Bravo, da subvencionada Radio Coruña sempre afín o PSOE, Cadena Ser, onde todo era marabilloso, interxeracional e "de primeira".
Pero baixemos da nube de Palexco á realidade do asfalto, porque a realidade é que Koruña segue estancada na mediocridade por moito que queiran tapar as vergonzas coas camisetas do Dépor. ¿De verdade hai algo que celebrar? Imos rabuñar un pouco na lona de tanta propaganda.
Oportunismo de Primeira: colgarse as medallas do Dépor
O lema da festa foi “A Coruña, cidade de primeira”. Que boa política! Como o Deportivo por fin subiu , o Básquet Coruña ascendeu á ACB e o Liceo está ás portas da OK Liga, a rexedora subiu ao carro do éxito deportivo para vendelo como un triunfo da súa xestión.
| Inés Rey se autohomenaxeou no Palexco. Na esquerda o ex alcalde Losada. Foto de El Ideal Gallego |
Pero a memoria en Koruña Rabuña non é tan curta. Esa mesma alcaldesa que agora presume de koruñesismo estivo a piques de matar o fútbol na cidade cos seus eternos enfrontamentos coa directiva do club, unha guerra que culminou no maior ridículo internacional da nosa historia recente: renunciar a ser sede do Mundial 2030. ¿Que cidade é "de primeira" se o seu goberno é incapaz de atopar financiamento para remodelar Riazor en dous anos? Deixounos polos chans e demostrou que este Concello e a cidade non está á altura dos grandes acontecementos.
Obras sen sentido, o timo de Alfonso Molina e o "vertedoiro" de Alvedro
Inés presume de que os grandes proxectos "están encamiñados". Tradución: non fixo nada novo e limítase a colgarse medallas de plans aprobados antes de que ela soubese onde quedaba María Pita, e que para colmo dependen da Xunta de Galicia ou do Goberno Central, como a reforma do CHUAC, a Intermodal ou a eterna humanización de Alfonso Molina.
O único puramente municipal foron esas obras eternas e pouco entendibles como a dos Cantóns, onde ninguén aprecia unha mellora real respecto ao anterior pero que serviron para aumentar alegremente os gastos e a enorme débeda do Concello.
E mentres gastamos en mover baldosa arriba e baldosa abaixo, o noso aeroporto de Alvedro segue perdendo voos que non se recuperan, mentres a alcaldesa rexeita os plans da Xunta cualificándoos de "limosnas". Orgullosa pero coas pistas baleiras.
O conto dos 300.000 habitantes e o hacinamento estilo franquista
O gran titular que soltou Inés Rey (pensando xa na campaña de 2027, porque di que quere estar no cargo "ata que a boten") é que o seu obxectivo é chegar aos 300.000 habitantes. A ver, Inés, que levamos décadas ancorados nos 245.000 (ou 254.000 segundo o INE estirando moito o chicle).
| Torres das Percebeiras, un proyecto de dos edificios enormes a carón da costa, frente o Millenium. Foto de La Opinión Coruña |
¿Onde vas meter a 50.000 persoas máis cando os prezos do alugueiro e da vivenda en Koruña son un escándalo absoluto? Prometeu 11.000 vivendas para o 2030, pero a realidade é que nestes anos apenas se creou vivenda nova accesible. O pouco que se fixo en Xuxán son torres de 15 pisos ou máis onde se hacina aos cidadáns ao máis puro estilo do desarrollismo franquista. Iso si, a alcaldesa saca peito dicindo que somos zona de mercado tensionado. ¡Faltaría máis, tensionado téñennos o peto!
Barrios abandonados: okupas, narcopisos e o fume das TIC
Di Inés Rey que 9 de cada 10 euros van para os barrios. Pois deben ir para os barrios de fóra da Coruña, porque o temor dos veciños non para de crecer. A criminalidade subiu, a presenza de okupas e o menudeo de drogas desde pisos céntricos son o pan de cada día, mentres a Policía Local fai o que pode sen directrices claras.
| Actuación da Policía Nacional na detención dun narcotraficante |
¿E a Cidade das TIC? Ese gran proxecto tecnolóxico que ía revolucionar Pedralonga e do que Inés saca peito... de momento segue sendo un fracaso a medio gas que non xerou o impacto prometido. De AESIA nin se acordou, Outro "fume" electoral para a colección de promesas xunto coa enésima Área Metropolitana (á que agora chama Gran Coruña, para cambiarlle o nome ao fracaso de sempre) e a reforma do porto interior (que Deus nos pille confesados para que non o destrone).
Unha corte de palmeiros sen a sombra de Paco Vázquez
Na foto de Palexco non faltaron os sorrisos profident de todo o goberno local socialista e de algún exalcalde como o nefasto Javier Losada (outro que tal bailou). Pero, ai amigo, alí nin se viu nin se agardaba a Paco Vázquez. O vello león do socialismo coruñés sabe perfectamente que esta corporación é incapaz de darlle á cidade un impulso innovador. Non hai ideas, non hai proxectos propios de envergadura, só continuación, parches e moito filtro de Instagram.
En definitiva, asistimos a un fin de ciclo ou, cando menos, a un auto-homenaxe baleiro de contido. Temos unha alcaldesa máis preocupada pola foto e a propaganda que por solucionar os problemas reais. Moito lema de "Primeira", Inés, pero a xestión segue a xogar en Rexional Preferente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???