A masa de aire africano que esta semana entrou en Galicia deixou po sahariano en suspensión e unha baixada da calidade do aire en varios puntos do país. Vigo, Santiago ou Ourense notárono con máis intensidade. En Koruña, coma case sempre, quedou nun aviso moderado.
| Aspecto de la ciudad con la calima. Foto de La Voz de Galicia. |
Porque mentres noutros falaban de calima, aquí o comentario máis repetido foi outro: “¿Calima? Eu o que teño é frío.”
Monte Alto, onde máis se notou
A brétema da mañá do mércores non era só néboa. Na contorna da Torre de Hércules, especialmente en Monte Alto, rexistráronse os valores máis elevados de partículas en suspensión.
Ás 9.00 horas, a estación próxima ao paseo marítimo marcaba 87 µg/m³ de partículas PM10, cando o recomendable sería estar por baixo dos 40. No caso das PM2,5 acadábanse 32 µg/m³, tamén por riba do limiar considerado como aire limpo.
Iso si: apenas un par de quilómetros máis abaixo, en Riazor, os valores xa estaban en parámetros favorables, igual que no monte de San Pedro e na Grela. Tradución rabuñada: a calima entrou, pero entrou con educación.
O frío si se fixo notar
Se algo quedou claro ao longo do día foi a baixada das temperaturas. O ambiente volveuse máis frío e o ceo foi collendo ese ton gris que aquí xa coñecemos ben.
Segundo MeteoGalicia, este xoves os ceos comezarán moi nubosos e a partir da tarde chegarán as chuvias, cunhas máximas que se moverán entre os 10 e os 12 graos.
E por se a calima parecía pouca cousa, agora vén o realmente noso.
Alerta amarela: volta ao noso tempo de sempre
E cando parecía que a conversa ía quedar na calima, o Atlántico decidiu recuperar o protagonismo. MeteoGalicia activou para este xoves o aviso amarelo en Koruña por chuvia, vento e forte ondada. Traducido: despedimos o po africano e volvemos ao noso tempo de toda a vida.
A partir das 15.00 horas agárdanse precipitacións intensas, que poderían deixar ata 40 litros por metro cadrado en apenas doce horas. A chuvia prolongarase ata a medianoite, nunha xornada que comezará xa con ceos moi anubrados e ambiente frío, con temperaturas entre os 10 e os 12 graos.
No litoral, o mar tamén quere dicir a súa. Espéranse ondas de entre catro e cinco metros, e refachos de vento que poden superar os 50 quilómetros por hora desde a tarde do xoves ata a mañá do venres. Día de paseo curto e mirada atenta ao horizonte.
Así que, se a calima pasou case sen facer ruído, o que vén agora xa nos soa máis familiar: paraugas loitando contra o vento, capuchas voando e ese cheiro a mar bravo que nos lembra onde vivimos.
Porque en Koruña, cando o Sáhara chama á porta, o Atlántico sempre responde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???