Raboñudos

Bienvenidos raboñudos del mundo entero a este blog!!!

jueves, 2 de julio de 2026

Koruña sen trens: o verán do "apagón" ferroviario e a estación das mil dores

Benvidos ao mes de xullo na nosa idílica e atlántica cidade, ese lugar onde para coller un tren o único que necesitas é... paciencia, moita fe e, sobre todo, un billete de autobús. O que se está vivindo estes días na terminal da Avenida do Ferrocarril non é unha transición cara á modernidade; é o caos absoluto elevado á categoría de servizo público. Entre o "apagón" total por unhas obras que semellan eternas e un calendario de folgas que torpedea o inicio das vacacións, moverte desde ou cara á Koruña por vías ferroviarias converteuse nun deporte de risco.

Se vostede pensaba escapar este verán en AVE, Alvia ou Media Distancia, vaia cambiando o chip.

Benvidos á Estación Intermodal... de autobuses

A segunda fase das obras da ansiada Estación Intermodal arrancou co que mellor se lle dá a Adif: o peche total do tráfico. Desde o pasado venres e ata o vindeiro 11 de xullo, absolutamente ningún tren pode entrar nin saír de Koruña. Nada. Cero. A terminal provisional quedou reducida a unha parada de liña de autocar.

Imaxe de caos na estación intermodal. 

A loxística que montaron para "minimizar o impacto" é unha marabilla do retraso programado:

  • Se queres ir a Vigo, o autobús sáche de Coruña 45 minutos antes do habitual para poder enlazar co tren en Santiago.

  • Se fas o traxecto inverso, prepárate para chegar 40 minutos máis tarde.

  • E a contorna da estación é xa unha gincana: accesos restrinxidos para coches particulares, pasarelas peonís que desaparecen para sempre e unha rotonda colapsada onde os buses fan o que poden.

Din que todo isto é para facer as probas das novas vías e que a partir do 11 de xullo os trens volverán. Pero non canten vitoria, que aí comezará a terceira fase e xa nos avisan de que haberá "axustes operativos" e máis cambios de horarios. Unha tortura por capítulos.

E por se fose pouco... folga no verán

Como circular en autobús cun billete de tren non era suficiente diversión, o Sindicato Ferroviario (SF) decidiu poñerlle a guinda ao pastel coa convocatoria de paros de 24 horas. O deste luns deixou os servizos mínimos tiritando (un 65% en Media Distancia e a metade de trens de Proximidades). E vaian anotando a seguinte data no calendario: o vindeiro 15 de xullo haberá outra xornada de folga total, xusto cando media cidade intenta marchar de vacacións.

Estación Intermodal en eternas obras

As razóns dos traballadores son serias —denuncian o "abandono premeditado" de Renfe Mercancías, a privatización do mantemento de locomotoras e o incumprimento dos pactos co Ministerio de Transportes—, pero o resultado para o cidadán do pé é sempre o mesmo: pagar o pato. Ir a Ourense ou Ferrol converteuse nunha viaxe ao descoñecido onde o único seguro é que vas botar máis horas na estrada que un camioneiro.

Koruña, a cidade illada

Mentres dende María Pita nos seguen vendendo a moto dunha Koruña cosmopolita, conectada e líder do turismo, a realidade é que estamos illados por terra. Non hai trens directos, os viaxeiros andan perdidos cargando maletas de autobús en autobús en Santiago ou Betanzos-, e as taquillas da estación están ao 33% de persoal pola folga.

Di Renfe que se estás descontento podes cambiar ou anular o billete de balde. Grazas, que detalle. O problema é que a xente non quere que lle devolvan os cartos; o que quere a xente de Koruña é algo tan revolucionario como viaxar en tren dende unha estación de tren.

Entre a folga convocada polo Sindicato Ferroviario (SF) e as interminables obras da Estación Intermodal, o mes de xullo pinta negro para quen dependa do ferrocarril. A cidade, que xa levaba semanas sufrindo transbordos e recortes, entra agora nun verdadeiro apagón ferroviario.

Disfruten do verán, Koruñeses. E se teñen que saír da cidade, vaian a pé ou prepárense para a viaxe en bus máis cara das súas vidas. ¡Vaia verán nos espera!

O tren que nunca chega e o tranvía que quedou no caixón: o illamento ferroviario de Koruña

Koruña vive sumida nun paradoxo de ferro e asfalto. Mentres as comunicacións ferroviarias colapsan cun "apagón" total por unhas obras eternas na Estación Intermodal e os viaxeiros son amoreados en autobuses para enlazar co resto de Galicia, a pregunta que flota na comarca é evidente: ¿como chegamos a isto? A resposta non está só nas parálises do presente, senón nas grandiosas promesas do pasado que as administracións decidiron esquecer deica deixar á comarca orfa dun transporte do século XXI.

O gran fracaso da mobilidade koruñesa ten un nome que hoxe soa a melancolía: o tranvía metropolitano.

Un soño do principio de século que se tragou o asfalto

A finais dos anos 90 e, sobre todo, a principios do século XXI, o debate político en Koruña estaba monopolizado por unha idea revolucionaria e sostible: a recuperación do tranvía histórico —que volveu timidamente en 1997 como reclamo turístico— pero reconvertido nun potente tren-tram ou metro lixeiro de superficie. A idea non era nova, pois a comarca xa tivera o mítico "Siboney" que conectaba Puerta Real con Sada ata finais dos anos 50, pero o reto do novo milenio era moito máis ambicioso.

Estudáronse plans de viabilidade e trazados sobre o papel para deseñar unha rede de transporte limpa que unira o centro da Coruña cos concellos do hinterland metropolitano: Culleredo, Cambre, Oleiros e Sada. Deseñáronse liñas que cruzarían a Pasaxe e darían servizo a miles de traballadores e estudantes que, día tras día, colapsan os accesos á cidade en coche privado.

Chegouse a falar de orzamentos, de conexións co aeroporto de Alvedro e de plataformas segregadas. Era o proxecto estrela para vertebrar a gran Koruña. Porén, a medida que avanzaban os anos 2000, as loitas políticas entre concellos, as discrepancias no financiamento entre a Xunta de Galicia e os plans municipais, e o desinterese gobernamental acabaron por meter o proxecto no caixón dos obxectivos esquecidos. O tranvía turístico urbano acabou morrendo por falta de mantemento e o metropolitano xamais chegou a poñer un só carril.

O "Tren da Ría" e as promesas recicladas

Cando o proxecto do tranvía quedou oficialmente soterrado polo desleixo institucional, a comarca viuse abocada á ditadura do coche e do autobús interurbano. Hoxe, vinte e cinco anos despois daqueles estudos, as administracións locais seguen intentando inventar a pólvora para solucionar o mesmo problema crónico.

O último intento por salvar os mobles é a proposta do denominado "Tren da Ría", un proxecto impulsado dende o Concello de Culleredo para esixirlle ao Ministerio de Transportes un servizo de proximidades. A iniciativa pretende aproveitar as vías xa existentes a piques de quedar en desuso para crear paradas en núcleos saturados como As Xubias, a Ponte da Pasaxe, Fonteculler, O Burgo, A Barcala, Cambre e Cecebre.

Aínda que os alcaldes da contorna insisten en que isto funcionaría como un "metro de superficie" ecolóxico que reduciría a pegada ambiental e descongestionaría as estradas, a realidade volve ser teimuda. Mentres falan de "estudos intelixentes" e "intermodalidade", o tecido ferroviario real de Koruña está paralizado, as vías en concellos como Culleredo son vistas como barreiras que os veciños queren cubrir e os orzamentos dependen de negociacións eternas en despachos de Madrid.

Décadas perdidas sobre o papel

Moverse hoxe pola comarca koruñesa é o resultado directo de trinta anos de falta de planificación e de promesas electorais que quedaron en fume. Aquel tranvía metropolitano que a principios de século ía situar á Koruña na vangarda da mobilidade europea converteuse nun recordo do que foi o tranvía no século XIX e inicios do 20. .

Mentres tanto, o cidadán do pé segue agardando por un tren digno na estación mentres contempla como o futuro da mobilidade comarcal pasa por facer transbordos nun autobús de liña. O tranvía metropolitano non fracasou por inviabilidade técnica; fracasou porque a visión de futuro dos nosos gobernantes xamais estivo á altura das necesidades da ría.

A liña Koruña-Ferrol: o tren do século XIX que se nega a avanzar

Se o fracaso do tranvía metropolitano é doloroso, o que acontece coa conexión ferroviaria entre as dúas grandes urbes do norte de Galicia é, directamente, unha viaxe no tempo. Falar do tren entre Koruña e Ferrol, como exemplo das conexións ferroviarias entre locadidades cercanas,  non é falar de modernidade nin de alta velocidade; é falar dunha infraestrutura decimonónica que non sufriu ningunha mellora substancial dende a súa inauguración hai máis dun século, concretamente en 1913.

Traxecto ferroviario Koruña-Ferrol

Hoxe en día, viaxar en tren entre ambas as dúas cidades —separadas por apenas 50 quilómetros por estrada— supón unha odisea que supera a hora e vinte minutos de traxecto nos casos máis optimistas. Un tempo ridículo se o comparamos co coche ou o autobús, que realizan o percorrido pola AP-9 en pouco máis de media hora.

Tren Koruña-Ferrol

As razóns deste fracaso histórico son ben coñecidas, pero sistematicamente ignoradas polos sucesivos Gobernos:

  • Un trazado medieval: a liña segue a dar unha volta interminable por Betanzos, obrigando aos convois a realizar unha manobra de investimento de marcha que penaliza os tempos de viaxe.

  • Vía única e sen electrificar: nunha Europa que fala de descarbonización e conectividade verde, os trens entre Koruña e Ferrol seguen a circular por unha vía única na que, se un tren avaría ou se atrasa, colapsa todo o servizo. Ademais, a falta de electrificación impide o uso de material rodante moderno e rápido.

O abandono desta liña por parte de Renfe e do Ministerio de Transportes é a demostración palpable de que o norte quedou fóra do mapa dos investimentos reais. Prometéronse variantes, modernizacións e rebaixas de tempos en cada campaña electoral dende hai trinta anos, pero a realidade é que o tren  Koruña-Ferrol segue a ser o mesmo xoguete lento, obsoleto e ineficaz que hai cen anos. Outro fracaso máis que engadir á listaxe dunha comarca que, en pleno século XXI, segue a ser illada polas vías do desleixo político.

O epitafio do tranvía: millóns de euros en patrimonio histórico que morren entre grafitis e incendios

A estocada final á memoria do transporte ferroviario metropolitano dáselle dende o propio Concello, que non só foi incapaz de expandir o tranvía á comarca, senón que deixou podrecer e queimar o que xa tiñamos. O recente incendio nas esquecidas cocheras de As Lagoas —que devolveu estas instalacións á actualidade de xeito traumático— é a metáfora perfecta de como María Pita xestiona a súa historia.

Aquilo que en 1997 se anunciou a bombo e prato como "o primeiro paso para a instalación dun metro lixeiro na cidade" hoxe é un cemiterio de ferro vandalizado. O servizo turístico, froito da obstinación da alcaldía de finais do século pasado por recuperar os vellos tranvías, foi suprimido en 2011. Desde entón, os raíles foron arrincados do asfalto e os vehículos foron sentenciados ao esquecemento.

Os comenzos da beve historia da renovación do tranvía. Foto de Wikipedia

Os tranvías púdrense totalmente abandonados. Foto de La Voz de Galicia

Doutores ten a igrexa, pero o experto ferroviario Carlos Pérez Fontana estima que o Concello ten alí acumulado un patrimonio esquecido de 4,2 millóns de euros. Sete xoias históricas que agonizan entre as chamas e as pintadas dos vándalos:

  • O emblemático Tranvía 32: aquel vehículo amarelo orixinal de 1921 que se converteu en postal do Paseo Marítimo e símbolo da cidade.

  • O número 27: unha réplica exacta do modelo de 1918.

  • Os lisboetas 100 e 101: orixinais dos anos 30 propiedade do Concello.

  • A débeda con Oporto: Tres vehículos cedidos por Portugal en 2005 (incluído o 201, que apenas chegou a prestar servizo) que de acordo co convenio terían que ser restaurados e devoltos, pero que hoxe seguen apodrecendo en Koruña.

Mentres en calquera cidade europea estas pezas serían a alfaia dun museo ou circularían como reclamo de prestixio, en Koruña do bipartito prefiren mirar para outro lado deica que o patrimonio quede inservible.

Os tranvías no Cantón Pequeno en 1929. Foto de La Voz de Galicia

Sen trens cara a fóra pola incompetencia da Intermodal, sen comunicación coa comarca polo fracaso do metro lixeiro, sen conexión digna con Ferrol tras un século de abandono, e cos tranvías históricos ardendo e cheos de grafitis nunha cochera abandonada. Esa é a radiografía da mobilidade en Koruña: moita foto oficial, moito coche oficial, pero o cidadán a pé... e o patrimonio, queimado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???