Pois xa está. O faro romano máis antigo en funcionamento e orgullo absoluto de todos os koruñeses e koruñesas xa ten novo outfit. A Xunta de Galicia aproveitou o verán para inaugurar a nova iluminación ornamental da Torre de Hércules: un "armario" de focos LED de última xeración que permitirá vistila cun arco da vella de cores para calquera efeméride que se lle ocorra ao goberno de quenda.
Do azul do Dépor ao violeta do Día da Muller, pasando pola bandeira galega. O faro milenario pasa así de guiar aos mariñeiros na noite atlántica a converterse nunha sorte de árbore de Nadal de 900.000 euros, iso si, "máis eficiente e menos contaminante", segundo nos venden os altos cargos na photo-call de turno.
A foto das autoridades e o paseo pola pista nova
Na foto oficial de rigor para saír no xornal non faltou ninguén: o director de Turismo de Galicia, a delegada da Xunta na Koruña, o presidente do Porto, o líder do PP local e ata o concelleiro de Cultura do Concello. Todos ben xuntos estreando un novo sendeiro de máis de mil metros ao redor do monumento.
| Foto de El Ideal Gallego |
Un camiño que a administración promete que será "máis seguro, duradeiro e accesible", e polo que xa se puido ver a algúns curiosos buscando a posta de sol despois de que os políticos rematasen de dar o seu paseo guiado.
| Momento no que prenderon o novo encendido. Foto de El Ideal Gallego. |
Moita luz de cores pero os xacementos a agardar por setembro
A actuación inclúese nun paquete máis amplo de case un millón de euros de cartos públicos que, segundo prometen, completará a partir de setembro as obras de conservación e a posta en valor do xacemento arqueolóxico do contorno.
Está moi ben que a Torre poida poñer a camiseta do Dépor cando xogue o equipo ou vestirse de gala nos días sinalados, pero non deixa de ter a súa retranca que a gran prioridade de xestión do noso patrimonio histórico máis valioso sexa poñerlle luces dinámicas e facerlle un cambio de armario como se fose unha torre de control dun parque temático. Iso si, polo menos agora, cando os barcos fagan a rolda pola costa da Koruña, saberán se é domingo de partido ou día festivo nada máis mirar para o ceo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???