O balonmán koruñés está de festa e non é para menos. O histórico Attica 21 Hotels OAR Koruña vestiuse de gala nas instalacións do hotel que lle dá nome para presentar o seu proxecto máis ambicioso da era moderna. E faino volvendo ao que mellor sabe: á súa propia historia.
Co gallo do seu 75º aniversario, o club oarista decidiu dicirlle adeus ao azul dos últimos anos e recuperar a vestimenta orixinal vermella e branca, xunto co seu escudo clásico. Unha chiscadela á tradición do terceiro club máis antigo de España (só por detrás do Granollers e do Teucro) para afrontar un curso no que non queren andar con chiquitas.
Obxectivo: estar entre os cinco primeiros
Nada de sufrir nin de botar contas a última hora. O presidente do club, Carlos Resch, deixou ben claras as liñas mestras durante o acto de presentación: o reto é consolidarse na División de Honor Plata e loitar por rematar a liga entre os cinco primeiros.
Despois de ascender desde Primeira Nacional no 2024 e de acadar unha permanencia tranquila no 2025, a entidade koruñesa medrou en orzamento e profesionalizou ao máximo a súa estrutura técnica. Agora xa non hai escusas: hai cadro de persoal, hai preparadores e hai ambición para mirar de reollo á Liga Asobal.
| Presentación de los jugadores del Oar con las camisetas nuevas. Foto de El Ideal Gallego |
Un 'Dream Team' de 19 xogadores: 10 renovacións e 9 fichaxes
O técnico Nando González continuará un ano máis ao mando na pista de San Francisco Javier, pero avisa aos navegantes: "Temos grandes xogadores, pero agora toca transformalos nun equipo". Certo é que calidade non lle falta ao vestiario, cunha mestura explosiva de veteranos con cana en Asobal e na liga francesa, mozos prometedores e xogadores koruños que volven á casa:
O regreso da terra: destaca a volta do pivote Gonzalo Carró, internacional por Arxentina que regresa a Koruña 16 anos despois tras triunfar en Asobal e Francia, e do extremo Ángel Iglesias.
Fichaxes de campaniña: chega o central Nacho Valles (elixido mellor central de Asobal en 2024), o lateral francés Lilian Pasquet (procedente do Nava), o extremo Mario López (destacado na Proligue francesa) e a perla moza Sergio Tobes.
Continuidade na esquiña: na portería manteñense o montenegrino Mile Mijuskovic e Israel Marín, mentres que no muro defensivo continúan Álex Malid e Álex Conde.
Pretempada de nivel antes do inicio oficial
Os rapaces do OAR xa teñen a suor na fronte preparando un mes de agosto intenso antes de arrancar a liga. Este é o calendario de amigables para ir abrindo boca:
19 de agosto: Culleredo vs. OAR Koruña
22 de agosto: OAR Koruña vs. Gaia (Portugal)
26 de agosto: Semifinal da Supercopa Galicia contra o Cisne (se pasan, xogarán a final o día 30 en Tui contra o Cangas).
4 de setembro: OAR Koruña vs. Ademar León en San Francisco Javier.
A afección koruñesa xa ten cita na pista para empurrar á marea vermella e branca neste ano histórico. ¡A por eles!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Tú Koruño o simpatizante de Koruña City cuál es tu opinión???